O SERGAS PUBLICA A LISTA DE PERSOAS ADMITIDAS AO CONCURSO-OPOSICIÓN PARA O INGRESO NA CATEGORÍA DE MÉDICO DE FAMILIA DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 03 2024

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de hoxe, publica a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se declaran, con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como de exentas e non exentas do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde poden consultarse as 604 persoas admitidas no proceso para obter unha das 271 prazas ofertadas. Delas, 126 prazas son de acceso libre; 132 correspóndense a promoción interna; e 13 están reservadas para profesionais con discapacidade xeral. Neste proceso selectivo, o 77 % das persoas participantes son mulleres e o 23 %, homes.

Estas 271 prazas súmanse ás 42 prazas, para os médicos de familia de atención primaria, que xa foron nomeados persoal estatutario fixo e adxudicatarios de destino definitivo o pasado 29 de xaneiro de 2024, dentro do proceso de estabilización. Tamén cómpre salientar a adxudicación de destino definitivo realizada o 26 de xaneiro para a incorporación en atención primaria en 72 prazas da categoría de facultativo especialista de atención primaria en postos de difícil cobertura, coa finalidade de diminuír o déficit de persoal médico en atención primaria.

As persoas aspirantes excluídas, as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego e as que presentasen a súa solicitude pero non consten na relación publicada disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto correspondente mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á que se dirixiu a instancia de participación. Polo tanto, o prazo para presentar as reclamacións pertinentes remata o día 18 de marzo de 2024. 

O Sergas ten habilitado un enderezo de correo electrónico no que as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Próximas publicacións

Mañá, día 5 de marzo, publicarase o lugar, data e hora da realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario. Estes exercicios celebraranse o día 16 de marzo de 2024 no recinto feiral de Silleda distribuídos en xornada de mañá e de tarde.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde