A ÁREA SANITARIA DE FERROL SÚMASE Ó DÍA MUNDIAL DA OBESIDADE CUNHA MESA INFORMATIVA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 03 2024


O Día Mundial da Obesidade celébrase hoxe, e as integrantes da Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps) en Ferrol, a terapeuta ocupacional Sofía Puente, e a traballadora social Cruz Fernández, están esta mañá nunha mesa informativa no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol a contar en que consiste o Plan de Obesidade Zero en Galicia e dar conta das múltiples ferramentas habilitadas para levar unha vida más saudable como é Sanidade Mediaverso https://sanidademediaverso.sergas.gal, ou Xanela Aberta á Familia.

O Plan Obesidade Zero é o resultado do consenso, a consulta e a participación dos distintos sectores sociais para a prevención do sobrepeso e a obesidade na poboación galega, cun prazo de execución dende o pasado ano 2022 ó ano 2030. Pártese de que o 39% da poboación galega ten sobrepeso, unhas 849.000 persoas adultas; e o 16,5% ten obesidade, ó redor de 357.000 galegos e galegas. Uns 6 de cada 10 galegos non realizan exercicio físico; e o 41,3% da poboación galega é sedentaria. Estas cifras dan conta de que a metade da poboación galega ten algún problema de obesidade ou de sobrepeso coa incidencia que esta patoloxía ten na saúde, xa que "son factores de risco para enfermidades crónicas e algúns tipos de cancro".

O Plan céntrase nunha meta: reducir con distintas medidas a prevaleza do sobrepeso en Galicia progresivamente, un 5% no 2025, e ata un 15% no 2030. Este plan ten tres eixos, con 11 obxectivos e 41 accións para chegar a esa meta. O primeiro dos eixos é potenciar as contornas promotoras da saúde en tódolos ámbitos, sanitario, laboral, escolar e social. O segundo dos eixos é capacitar na toma de decisión máis saudables, e isto é, explican, favorecer a adquisición de habilidades na cidadanía; capacitar no ámbito sanitario e educativo; e formar a outros colectivos profesionais relacionados. O terceiro e último dos eixos é investigar e innovar na promoción de saúde, desenvolvendo a rede de investigación en promoción da saúde, innovando continuamente e desenvolvendo un sistema de vixilancia para o sobrepeso, a obesidade e os seus factores de risco.

Por outra banda, no corredor principal cara á Hospitalización, pódese ver na nova torre informativa tamén o vídeo que nos axuda a recoñecer ós grandes ladróns da saúde, neste día Mundial da Obesidade.

Plataforma Sanidade Mediaverso

Na mesa desta mañá, estas profesionais invitaron a se mergullar nun mediaverso de contidos e experiencias para a promoción da saúde aglutinados nun só espazo e que abordan catro grandes eixos: alimentación saudable, actividade física, benestar emocional e condutas aditivas. Promóvese a saúde a través das novas tecnoloxías, e ponse a disposición da cidadanía solucións prácticas e recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, dun xeito integral, e para tódalas idades.

Por exemplo, ofrece menús equilibrados para oito semanas, e no que tamén se achegará a lista da compra necesaria, e as receitas para elaborar cadanseu menú; aplicacións móbiles activAR-t e Camiña; vídeos con exercicios para realizar de xeito individual ou coa familia; a aplicación de realidade virtual EnMovemento; un diario do sono; ademais de cursos formativos e vídeos divulgativos con consellos sobre a práctica do exercicio físico.

No eido do benestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono, achega diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estres, pílulas audiovisuais de mindfulness ou recursos para levar a cabo unha xestión emocional axeitada. Por último, sobre o consumo de substancias aditivas ou o tabaquismo, inclúe unidades didácticas para evitar o inicio do seu consumo, e tamén para axudar ao cesamento destes hábitos nocivos para a saúde.

Regaps na Área Sanitaria de Ferrol

Lembrar que a Área Sanitaria de Ferrol particpa activamente na Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps), que é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se crea a raíz dese Plan Obesidade Zero en Galicia, coa fin de potenciar todas aquelas estratexias locais que melloren a saúde da poboación. Está formada por un equipo de traballo multidisciplinar cuxa unidade de coordinación se sitúa na Consellería de Sanidade (tres médicos especialistas en Medicina Preventiva e unha diestista-nutricionista), e conta cun equipo de responsables que se distribúe polas 7 áreas sanitarias para promover iniciativas de promoción da saúde en Galicia.

Entre os seus obxectivos figuran o xeral de promover estilos de vida saudables na poboación galega; e tamén establecer un nexo de unión entre os actores implicados na promoción da saúde no ámbito local; analizar a situación de cada territorio para optimizar os recursos existentes e implementar outros que sexan necesarios; potenciar a promoción da saúde no ámbito sanitario; desenvolver as liñas estratéxicas do Plan Obesidade Zero en Galicia; ou capacitar ós axentes sociais para que se convertan en promotores da saúde.

Estes obxectivos estanse a materializar de xeito concreto. As profesionais da Área sanitaria de Ferrol, a terapeuta ocupacional, Sofía Puente, e a traballadora social, Cruz Fernández, emprazadas no andar 0 do Hospital Naval, investigan e mapean a situación inicial en canto a promoción da saúde dos municipios pertencentes á Área. Os resultados estanse a rexistrar en "Atopa Saúde", un aplicativo web de recente creación con tódolos recursos presentes para normalizalos e visualizalos.

Xunto con isto, e entre outras, están a establecer contactos cos diferentes axentes locais (centros de saúde, educativos, e sociosanitarios ou asociacións e clubes deportivos, entre outros) de cada municipio para tecer redes, favorecer que se coordinen para iniciativas comúns de promoción da saúde, e recoñecer o traballo que xa realizan ó darlle visibilidade, e estanse a incluír no boletín, Venres saudable, que chega a tódolos profesionais do Sergas cada primeiro venres de mes. Elas mesmas organizan e coordinan tamén diversas formación en formato de charla e ou obradoiros en canto á promoción da saúde. Hoxe, estiveron no Hospital Arquitecto Marcide para dar conta de todo o relacionado co Plan de Obesidade Zero, neste Día Mundial da Obesidade.

Xuntamos tamen o último boletín do venres saudable, na mencionada Xanela Aberta á Familia, no que se poden ver distintas actividades de promoción da saúde física, mental, e do lecer saudable, e para os distintos colectivos e idades: https://vida-saudable.sergas.gal/cartafol/AS-MAR24​.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde