A APLICACIÓN DE PROGRAMAS ZERO FRONTE ÁS PRINCIPAIS INFECCIÓNS DA UCI LOGRAN REDUCILAS ATA NUN 40% NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 03 2024

​A Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol aplica un paquete de medidas para reducir as principais infeccións relacionadas con dispositivos de necesario emprego na súa Unidade. Son programas como o de Bacteremia Zero, Pneumonía Zero, ITU Zero e Resistencias Zero, que acadaron a redución das infeccións na Área Sanitaria de Ferrol ata nun 40% nalgún dos casos dende a súa implementación. Sobre todo isto falaba a tódolos compañeiros e compañeiras da Área, a facultativa especialista en Medicina Intensiva, Maria José Castro Orjales, nunha sesión clínica xeral no salón de actos do Complexo. "Con estes programas buscamos un coidado limpo e seguro dos nosos pacientes", remarca.

Trátase dun paquete de medidas elaboradas por expertos e con experiencia a nivel mundial, europeo e nacional, non só galego, con experiencia demostrada ó longo dos anos dende 2009, explicou. "É un programa de seguridade para garantir unha atención de calidade ós nosos pacientes, pero non illado, inxírese no marco dun Plan de Seguridade Integral, que persegue promover e fortalecer a seguridade no traballo diario dunha UCI", subliñaba esta profesional. Avala isto que este Servizo é auditado nas súas accións relacionadas con estes programas activos. España en xeral, e Galicia e Área ferrolá en particular, están nunha situación óptima con respecto ós indicadores deste programa, pero esta profesional incide en que hai que soster as accións, e  a "identificar erros e valorar oportunidades de mellora", e só se consegue con comunicación entre profesionais, traballo en equipo, e implicación de tódalas unidades de hospitalización, non só a propia UCI.

Loitar contra as principais infeccións

Estímase a nivel mundial que ata un 15% de pacientes ingresados desenvolven unha infección mentres están hospitalizados, e a aplicación destes programas reduce o número de mortes, e de días de hospitalización considerablemente. A bacteremia e as pneumonías provocan un alto número de falecementos. Segundo o estudo Envin, estudo nacional de vixilancia da infección nosocomial (a que se produce no ámbito hospitalario) son tres as principais a pneumonía asociada á ventilación mecánica, a infección urinaria relacionada coa sondaxe, e a bacteremia de catéter. Por iso precisamente os programas desenvolvidos na UCI da Área céntranse nestes ámbitos de xeito especial, e tendo en conta que xa algúns pacientes teñen infeccións engadidas ou ingresan nestas unidades xa inmunodeprimidos ou fráxiles

Outro dos grandes problemas, recoñecido xa pola Organización Mundial da Saúde como unha das 10 principais ameazas de saúde pública a nivel mundial, é a resistencia a antimicrobianos. A loita, comentou en reiteradas ocasións, é conxunta, dende os gobernos lexislando; os facultativos e farmacéuticos, coñecendo tódolos aspectos relacionados cos antibióticos para unha mellor prescrición; e ata os propios pacientes, que non deben automedicarse, e si cumprir perfectamente as pautas indicadas polos profesionais.

Explicación de medidas concretas en cada un dos programas

De xeito concreto, Bacteremia Zero, que se aplica dende o ano 2009, establece un paquete de medidas a seguir para a prevención da bacteremia relacionada con catéter en UCI, e acadou unha baixada do 41% en mortalidade e estancias. Pneumonía Zero está á prevención das pneumonías relacionadas coa ventilación mecánica, acadando un 46% de redución en mortes e estancias. Resistencia Zero, como programa para control de patóxenos multirresistentes, vai unido ós grupos PROA, ós que fixo especial mención, como actores fundamentais fronte ós antimicrobianos. É un grupo de profesionais, de infecciosas, farmacia e microbioloxía, que traballa no Complexo dende o ano 2012 no asesoramento e  no axuste dos antibióticos á infección con intervalo de tempo, dose, e retirada axeitada dos mesmos, entre outras moitas cousas. A ITU (Infección do tracto urinario) Zero son un paquete de medidas no ámbito da infección urinaria relacionada coa sonda uretral, xa que o 70% destas infeccións están relacionadas con esta sonda uretral; e estímase que o 16% dos pacientes terá unha sonda uretral na súa estadía hospitalaria.

María José Castro Orjales foi pormenorizando un por un estes programas, recordando e facilitando ós e ás profesionais da Área nesta sesión xeral, as accións técnicas consensuadas coa evidencia científica que axudan a reducir todas estas infeccións. Son case medio centenar de accións relacionadas coa limpeza de materiais, aprendizaxe e formación na colocación e retirada dos mecanismos, accións recomendables para o seu mantemento, entre outras moitas cousas. Mencionou unha acción común a tódolos programas, que ten o seu propio día mundial, e que está detrás de toda acción sanitaria, a hixiene de mans, que non por sinxela menos importante e absolutamente básica.  Estas medidas amósanse efectivas polo que é necesario sostelas no tempo e que os novos profesionais as coñezan e se formen para a súa aplicación diaria. "Trátase de enfatizar e cambiar moitas das nosas accións para mellorar aínda máis a seguridade do paciente", concluíu.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde