O SERGAS PERFILA O DISPOSITIVO ORGANIZATIVO DOS EXAMES DE OPOSICIÓN QUE TERÁN LUGAR O 16 DE MARZO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 03 2024
 

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, presidiu esta mañá en Silleda unha reunión con representantes dos corpos de seguridade, emerxencias, e persoal da Fundación da Semana Verde, para ultimar os operativos de organización e seguridade, dos exames que terán lugar o vindeiro 16 de marzo no Recinto Feiral de Silleda.

Nesta xornada, un total de 1.698 persoas opositoras participarán nos exames do concurso-oposición para o acceso a 37 especialidades na categoría de facultativo/a especialista de área. Así, o número total de prazas ofertadas para estas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario é de 163.

Durante a quenda de mañá, e desde as 9:30 horas, están convocadas un total de 707 persoas opositoras e, para os exames da quenda de tarde (16:00h), foron admitidas un total de de 991 aspirantes.

Durante a xuntanza, na que participaron as institucións e empresas implicadas na organización das probas, a directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas estivo acompañada pola subdirectora de Selección de Persoal, María José Montero Furelos. Neste senso, agradeceu unha vez máis o esforzo e profesionalidade das persoas colaboradoras do propio Sergas, así como dos efectivos da Garda Civil, Policía, Protección Civil, 061, Cruz Vermella e persoal da Fundación Semana Verde de Galicia, uns equipos que fan posible que estes eventos multitudinarios transcorran con total normalidade.

As categorías con maior número de aspirantes admitidos/as son: facultativo/ a especialista en medicina interna (147), seguido de facultativo/a especialista en pediatría e áreas específicas (128) e facultativo/a especialista en anestesioloxía e reanimación (112). 

O 24,49 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao  non estar en posesión do Celga 4 ou certificado acreditativo do coñecemento do idioma galego requirido para cada categoría.

Protocolo das medidas organizativas no desenvolvemento das probas

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas lembra que:

    • Non se realiza o chamamento dos/as aspirantes no exterior do recinto de realización das probas.

    • A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o/a aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas. O código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón, porta de acceso e posto do exame que corresponde a cada aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos/das aspirantes e no desenvolvemento das probas.

    • Todos/as os/as aspirantes presentados/as ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.

Aspirantes xestantes e lactación

As aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán a súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o precisa, pode solicitar realizar a lactación durante a realización dos exercicios. As aspirantes que precisen realizar a lactación materna durante os tempos dos exames deberán solicitar a súa realización ao  oposiciones@sergas.es  antes do 12 de marzo, salvo nos casos de aspirantes que sexan nais mais alá do prazo indicado. 

Neste último caso, así como no caso das profesionais en situación de embarazo, que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse ao previsto no punto 8.1.7 das bases da convocatoria, deberán poñerse en contacto coa dirección de oposiciones@sergas.es para que lle informen do procedemento.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde