O SERGAS PUBLICA A LICITACIÓN DO PROXECTO DE OBRA PARA CREAR UNHA UNIDADE MAXILOFACIAL NO HOSPITAL MEIXOEIRO DE VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 03 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, informou esta mañá no Hospital Meixoeiro da publicación na plataforma de Contratos Públicos de Galicia da licitación da redacción do proxecto básico e de execución e dirección da obra para a nova unidade de cirurxía maxilofacial de Vigo por un orzamento previsto de 110.153 euros. Na visita á primeira planta do Meixoeiro onde se situará a nova unidade, o conselleiro en funcións estivo acompañado do  director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto.

Este trámite, tal e como sinalou Comesaña, supón un novo paso para inicialmente “realizar tanto cirurxías con anestesia local como con sedación non só para pacientes da área sanitaria de Vigo senón tamén para os de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras”. A unidade comezará atendendo anualmente arredor de 2.000 pacientes. No referente ao persoal, nunha primeira fase, a nova unidade Maxilofacial estará formada por un equipo de dous especialistas en cirurxía maxilofacial, unha enfermeira, unha técnica auxiliar de enfermaría e persoal administrativo. 

En canto ao equipamento de última xeración, o Sergas xa adquiriu un ortopantomógrafo dixital que permite realizar radiografías panorámicas da boca, cunha imaxe de ámbolos dous lados do maxilar, da mandíbula e dos dentes, para identificar os problemas orais dos pacientes en 3D. Ademais, as imaxes poden ser visualizadas dende a plataforma de historia clínica electrónica IANUS de forma inmediata. Así, o emprego deste equipo supón vantaxes para pacientes e profesionais como a menor emisión de radiación, unha  resolución de imaxe de maior calidade que a radiografía analóxica e a garantía da  trazabilidade da información do paciente. 

Ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo de recepción de ofertas para a redacción do proxecto básico e de execución e dirección da obra da nova unidade de cirurxía maxilofacial do Meixoeiro. Desta forma, a previsión é que o proxecto estea adxudicado a finais deste verán para poder comezar os traballos o próximo ano.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde