SETE NUTRICIONISTAS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL TRABALLAN NO DÍA A DÍA FRONTE Á OBESIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 03 2024

​A incorporación de nutricionistas ó sistema sanitario público en Galicia, das primeiras en facelo xunto con Cataluña, implica loitar contra a obesidade directamente dende os centros de saúde dende hai 15 meses. No caso da Área Sanitaria de Ferrol, son sete os e as profesionais no ámbito da dietética e da nutrición que desenvolven o seu labor: dous no centro de saúde de Fontenla Maristany en Ferrol, dous en Narón, un en Pontedeume, outro en Fene e outro en Ortigueira. Son Margarita Rodríguez, Iria González, Lorena Díaz, Almudena Seijido, Adrián Pereiro, Andrea Loureiro, e David Novo.

Respecto ás accións concretas da semana da obesidade, realizaron unha infografía que se distribuíu impresa por todos os centros de saúde da Área co obxectivo de “seguir dando a coñecer as unidades de nutrición e a súa metodoloxía de traballo á poboación; xa que, ó final, “o tratamento da obesidade adoita ser unha carreira de fondo onde hai que ir traballando pormenorizadamente distintos factores determinantes co paso do tempo”, explican.

Estes profesionais atenden unha media de 16-18 pacientes ó día, "cos que buscamos fundamentalmente un empoderamento a nivel alimentario para que sexan capaces de tomar decisións saudables de forma autónoma sen caer no modelo dieta-non dieta, cuxos resultados ó medio e ó longo prazo adoitan ser máis contraproducentes que beneficiosos. Aquí quizais é onde está o noso punto forte, como nos recalcan tanto os compañeiros doutras especialidades como os propios pacientes”, afonda un destes profesionais no centro de saúde de Narón, David Novo. “A obesidade trabállase todo o ano, e a experiencia dinos que ter empoderado á poboación en hábitos saudables reduciu non só o peso, se non tamén moitas das medicacións asociadas”, subliña.

Consultas individualizadas e charlas grupais

Estes profesionais están emprazados nos centros de saúde pero tamén colaboran directamente con servizos a nivel hospitalario, como o de Endocrinoloxía, remarcan. Realizan fundamentalmente consultas presenciais orientadas a fomentar e asentar unha alimentación saudable e pracenteira co que se consegue, afirman, “reducir graxa corporal, diminuír ou evitar o consumo de determinados fármacos, previr o desenvolvemento de certas patoloxías, mellorar a relación coa comida, comer sen culpa, solucionar problemáticas a nivel dixestivo, aumentar calidade de vida, ou, tamén, solucionar problemáticas de desnutrición”.

Xunto con isto, realizan tanto charlas grupais xenéricas, como por exemplo alimentación saudable, etiquetaxe nutricional, organización de compra, elaboración de menús e receitas, mitos e crenzas...), como específicas, en asociacións, e centros educativos, entre outras. Respecto destas charlas poboacións, empezaron unha acción comunitaria ó mes e, actualmente, están a realizar xa dúas. A todo isto engádense sesións clínicas a compañeiros dentro do ámbito sanitario.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde