RUEDA ANUNCIA QUE A XUNTA INCLUIRÁ AOS PACIENTES INMUNODEPRIMIDOS ENTRE OS GRUPOS DE RISCO QUE RECIBIRÁN A VACINA DE ALTA CARGA FRONTE A GRIPE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 03 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai reforzar a protección dos pacientes inmunodeprimidos fronte a gripe na vindeira campaña de inmunización. Estas persoas serán incluídas entre os grupos de risco que recibirán unha vacina de alta carga e sumaranse aos maiores de 80 anos e as persoas de máis de 60 que viven nun centro residencial, que xa recibiron esta dose reforzada na pasada campaña.

A vacina antigripal de alta carga ten un valor engadido con respecto ás convencionais ao mellorar a resposta vacinal nas persoas que a teñen indicada pola súa idade, que provoca que o sistema inmune non responda de forma óptima ás vacinas convencionais, ou en persoas inmunodeprimidas por algunha patoloxía. Deste xeito, como novidade, na vindeira campaña a Xunta incorpora tamén a este último colectivo no que se atopan, como subliñou Rueda, “pacientes trasplantados ou que están a recibir quimioterapia en doses altas”. 

Tal e como explicou o presidente, o Consello autorizou hoxe “destinar 6,3 millóns de euros” a mercar este tipo de vacinas para inmunizar “aos colectivos de maior risco”. 2A previsión é adquirir 210.000 doses para a vindeira campaña”, indicou.

A maiores, a Consellería de Sanidade ten aberta nestes momentos a licitación das vacinas fronte á gripe para a poboación xeral por valor de 2,8 millóns de euros e, como novidade, a Xunta está a traballar para mercar unha vacina intranasal para os cativos.  Deste xeito, “os nenos poderán protexerse o vindeiro outono fronte a gripe sen precisar un pinchazo”, indicou Rueda.

Desta forma, Galicia reforza a súa aposta pola prevención coa mellora continua do calendario de inmunización ao longo de toda a vida e segue mantendo “o seu posto de referencia na estratexia de vacinación”.

Así, este ano acadouse un 82,83 % de cobertura vacinal na poboación de 80 e máis anos grazas ás facilidades proporcionadas. Na última campaña da gripe, a Dirección Xeral de Saúde Pública ampliou os días de vacinación ata o 26 de xaneiro, enviáronse citas de forma proactiva a través de sms e ofreceuse a vacina tanto en centros de saúde como en grandes recintos.

Investimento de 40 M€ no Programa galego de vacinación

Para o ano 2024 a Xunta incrementou o investimento no Programa galego de vacinación nun 40 %, situándose preto dos 40 millóns de euros e duplicando o orzado desde o ano 2020. Este incremento responde á incorporación nestes anos das vacinas fronte á meninxite B, a bronquiolite polo virus respiratorio sincitial, o rotavirus ou o herpes zóster, entre outras.

A clara aposta da Xunta pola prevención das enfermidades fixo que Galicia fose a primeira comunidade autónoma en adquirir e recibir as doses para levar a cabo a inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS), un dos responsables da bronquiolite en bebés. Como consecuencia, un informe preliminar da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a primeira campaña de protección fronte ao VRS indica que os ingresos hospitalarios de nenos e nenas por este virus se reduciron ata nun 90 % en Galicia.

Os datos da vixilancia epidemiolóxica amosan que o virus VRS circulou nesta tempada a niveis similares da tempada anterior e que o impacto da inmunización dos lactantes fronte ao VRS está a ser moi positivo, dado que na poboación vacinada os valores das taxas de hospitalización son moito menores en comparación coa tempada anterior e en comparación con outros grupos de idade non vacinados. Hai que ter en conta que unha das particularidades deste virus é que non só afecta os nenos de risco senón que a maioría das hospitalizacións por VRS ocorren en lactantes sans. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde