TERAPIA OCUPACIONAL DO CHUF ESTUDA A IDENTIDADE NA CARREIRA PROFESIONAL DESTA PROFESIÓN DURANTE A MATERNIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 03 2024
 

​O terapeuta ocupacional da Área Sanitaria de Ferrol e profesor da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, o doutor Miguel Ángel Talavera Valverde; xunto coa terapeuta ocupacional e profesora da Escola Universitaria de Traballo Social adscrita á Universidade de Santiago, Ana Isabel Souto Gómez; e o terapeuta do Complexo vigués, Luis Javier Márquez Álvarez, está a realizar un traballo sobre "a construción da identidade profesional na carreira profesional das terapeutas ocupacionais durante a maternidade", proxecto posible tras gañar a V Beca de Terapia Ocupacional Silvia Sanz Victoria 2023, a nivel nacional meses atrás. Este profesional da Área ferrolá considera interesante pór o acento sobre este traballo aproveitando o Día Internacional da Muller Traballadora, que se celebra hoxe. 

Tódalas profesións teñen unhas características que as identifican e as diferencian das demais, polo que estudar a súa identidade, coñecer o antes, o durante, e o despois dos distintos aspectos dunha profesión poden mellorala. Esta investigación céntrase en "analizar a construción da identidade profesional especificamente en relación coa carreira das terapeutas ocupacionais que teñen sido nais", explica este profesional da Área ferrolá. O obxectivo principal do estudo é "comprender a idiosincrasia actual destas profesionais, explorando como se enfrontan ós desafíos diarios e responden ás esixencias do seu entorno laboral", engade.

Tras recibir informe favorable do Comité de Ética da Universidade este mesma semana, os coordinadores deste proxecto, explica Miguel Talavera, están a seleccionar unha mostra de terapeutas ocupacionais que cumpran uns criterios específicos, considerando a súa experiencia laboral e o tempo transcorrido antese despois da maternidade. Os resultados permitirán comprender mellor a relación entre a identidade profesional e a carreira destas mulleres; e o proxecto implica coñecer as características e as necesidades deste colectivo concreto fomentando unha maior adaptación das políticas cara o perfil das terapeutas ocupacionais. 

Obter mellor condición de saúde e benestar

Non é o primeiro premio que a Terapia Ocupacional da Área ferrolá recibe no eido da identidade profesional, xa que, no ano 2022, xa recibía por parte do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia (COTOGA) unha beca para o proxecto Análise das narrativas sobre a identidade profesional das e os terapeutas ocupacionais en España, para estudar o constructo ocupacional da identidade profesional dos e das profesionais de Terapia Ocupacional.

Lembrar que a terapia ocupacional é unha disciplina que busca obter a mellor condición de saúde e de benestar na poboación, e instrumentaliza a súa intervención na ocupación do ser humano. Ademais, canto maior sexa a identidade profesional dun colectivo, maior será a calidade de proceso de intervención ofrecido, de aí o valor deste tipo de investigacións. 

A terapia ocupacional na atención hospitalaria e no ámbito comunitario intervén por medio dun traballo grupal ou individual, virtual ou presencial coa ocupación e as actividades cotiás das persoas. Así, promóvese, prevese, modifícase, restáurase, mantense ou establécese o seu desempeño. Facilitan que as persoas poidan manter a súa actividade cotiá, e lograr unha mellor condición de saúde e sensación de benestar. Na Área Sanitaria de Ferrol, traballan un total seis terapeutas ocupacionais, dous no Servizo de Saúde de Mental, dous no Servizo de Medicina Física e Rehabilitación, unha en Atención temperá, e outra na Rede Galega de Promoción da Saúde (Regaps). 


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde