A XUNTA ASINA CON CRUZ VERMELLA LUGO UN CONVENIO PARA ATENDER PACIENTES NA SÚA UNIDADE DE ASISTENCIAL DE DROGODEPENDENCIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 03 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asinou esta semana un convenio de colaboración entre o Sergas e a Cruz Vermella Lugo para o desenvolvemento da súa unidade asistencial de drogodependencias e unidade de día que conta cun equipo de 16 profesionais educadores, de psicoloxía, traballo social, socioloxía, farmacia, enfermaría, medicina e administrativos. Por parte da institución humanitaria o convenio foi asinado polo seu presidente, Luis Abelleira Mayor. 

En concreto, a Xunta incrementa a achega ao convenio con Cruz Vermella Lugo nun 7 % ata os 747.763 euros. Grazas a esta contribución, ao longo do ano 2023, foron asistidas no marco deste convenio un total de 545 persoas beneficiarias, das que 428 foron homes e 117, mulleres. 

Na súa unidade asistencial, que funciona de luns a venres en horario de mañá e tarde e as mañás de fins de semanas e festivos, esta institución desenvolve un programa de substitutivos de opiáceos, un programa de atención á patoloxía dual e programas específicos de atención a mulleres, a menores e ao xogo patolóxico. Ademais, as persoas usuarias, dos 42 concellos lucenses que abrangue Cruz Vermella, tamén participan en actividades de formación.

Na visita ás instalacións da unidade para a sinatura do convenio, estiveron presentes o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; en representación da Delegación territorial de Lugo, Javier Arias Fouz; a subdirectora xeral de Atención Primaria do Sergas, Sinda Blanco Lobeiras, e o xerente de Cruz Vermella Lugo, José Luis Fernández Armesto. 

Apoio ao tratamento multidisciplinar e personalizado

Na actualidade, as adiccións son consideradas unha enfermidade que require dun tratamento multidisciplinar e personalizado. Así, ante calquera problema relacionado coas mesmas, aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente, ou ben, solicitar axuda aos profesionais de atención primaria, para que poidan avaliar cada un dos casos, e derivalos aos centros que procedan.

Nesta liña, a Xunta aprobou recentemente convenios de colaboración entre o Sergas e nove entidades sen ánimo de lucro para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e outros trastornos adictivos por valor de 7.764.100 euros. Deste xeito, o Executivo galego incrementará este ano en máis de medio millón de euros o investimento dos convenios que o departamento sanitario galego mantén para o desenvolvemento de programas de asistencia sanitaria especializada desde un enfoque biopsicosocial.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde