O SERVIZO DE ONCOLOXÍA DO CHUF ACREDÍTASE PARA A DOCENCIA E FORMARÁ RESIDENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 03 2024
 

O Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol vén de se acreditar para a docencia e formará a residentes na Área Sanitaria de Ferrol. A Unidade de Docencia da Área recibía a semana pasada por parte do Ministerio de Sanidade a resolución co informe favorable que a acredita como nova Unidade Docente a este Servizo de Oncoloxía. Isto significa que os futuros médicos que desexen formarse nesta especialidade poderán tamén escoller este Complexo ferrolán.

"É unha gran noticia e estamos tódolos integrantes do Servizo moi contentos", afirma a responsable do Servizo de Oncoloxía Médica, a oncóloga Laura de Paz Arias. “Formar a futuros profesionais é unha gran responsabilidade; e implica que tes que estar aínda máis actualizado”, subliña. “É un revulsivo para seguir a facer moitas máis cousas. E ter xente nova no Servizo sempre é moi enriquecedor”, engade. É unha ampliación da capacidade docente xa que os alumnos de sexto de Medicina xa fan a súa rotación por este Servizo, e igualmente tamén os residentes nas especialidades de Medicina Interna e Farmacia.

Para esta acreditación téñense en conta diferentes aspectos clínicos de hospitalización, consultas, ou probas; e, tamén os recursos destinados a docencia, formación continuada, publicacións e proxectos de investigación, como, por exemplo, o nomeamento de titoras para a docencia cos que conta o Servizo. “Este tipo de acreditacións avalan un bo facer e unha organización xa preexistente, que os propios pacientes reflicten a través de enquisa de satisfacción”, engade esta profesional; e “un dos nosos puntos fortes é ter o Servizo dividido por patoloxías con profesionais de referencia para cada unha delas”, explica.

Este Servizo conta, tendo en conta consultas, hospitalización e Hospital de Día, cun total de 7 facultativos, 36 profesionais de Enfermaría e Técnicas de Coidados Auxiliares de Enfermaría, 3 de administración e 5 celadores vencellados a actividade do mesmo. Para amosar o volume desta actividade, atenderon unhas 17.196 consultas externas e 662 ingresos, no pasado ano 2023.

Longa traxectoria en acreditación docente

A Área Sanitaria de Ferrol conta con acreditación docente dende o ano 1978, e son, coa de Oncoloxía que se acredita este ano, xa un total de 26 as especialidades acreditadas na actualidade: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Anatomía Patolóxica, Microbioloxía, Endocrinoloxía, e Pneumoloxía que se acreditaba o pasado ano. Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, cóntase con 12 centros de saúde acreditados para a docencia. Na actualidade, son preto de 90 os titores e colaboradores docentes nos distintos centros acreditados da Área Sanitaria de Ferrol.

Lembrar que a formación sanitaria especializada é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada e implica responder a un estándares determinados. O seu recoñecemento repercute de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ós usuarios e usuarias, en tanto que esixe seguir mantendo criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais. 

Xornada de Portas abertas, venres 22, ás 11:30

A recente acreditación desta especialidade de Oncoloxía implica que este ano non recibirá residentes, que o fará para o seguinte ano. Pero o día 22 de marzo, ás 11:30, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, está prevista unha xornada de portas abertas para que os posibles futuros residentes poidan coñecer de preto a docencia impartida no resto das distintas especialidades na Área Sanitaria de Ferrol.

Neste acto, poderase coñecer todo o relacionado coa docencia na Área ferrolá, e haberá unha mesa coloquio con residentes que xa están a traballar nesta Área para ter testemuñas directas; e, tamén, quenda de posibles preguntas para cada unha das especialidades que estarán presentes.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde