O SERGAS PUBLICA AS PUNTUACIÓNS DEFINITIVAS DE CONCURSO DE MÉRITOS PARA POSTOS DE DIFÍCIL COBERTURA EN HOSPITAIS COMARCAIS E SAÚDE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 03 2024

O Sergas publica hoxe as puntuación definitivas do proceso selectivo para o ingreso polo sistema de concurso á condición de persoal estatutario fixo en diversas categorías de persoal licenciado sanitario, para a cobertura de 174 prazas tanto en hospitais comarcais como de saúde mental.

Estes procesos selectivos realízanse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Sergas (Diario Oficial de Galicia núm. 196, do 14 de outubro), co obxectivo de incorporar persoal fixo con carácter urxente en atención primaria nas categorías de facultativo especialista de atención primaria e pediatra de atención primaria; e, tamén, en incorporar en hospitais comarcais facultativos especialistas de área (en diversas especialidades), médicos de hospitalización a domicilio, médicos de urxencias hospitalarias e persoal especialista no ámbito da saúde mental (psiquiatras e psicólogos clínicos).

Con este proceso selecciónase, por primeira vez, persoal médico especialista por sistema de concurso de méritos para prestar servizos con vinculo fixo nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés, así como tamén nas unidades de saúde mental das sete áreas sanitarias.

Así, para levar a cabo as accións previstas no Plan de Saúde Mental de Galicia (período 2020-2024), que prevé 98 proxectos asistenciais dirixidos a diminuír o impacto que o padecemento dun trastorno mental ten nas persoas, así como a desenvolver medidas de promoción da saúde mental positiva, prevención da aparición dos trastornos mentais e melloras asistenciais orientadas a prestar coidados orientados á recuperación das persoas coa finalidade de impulsar a saúde mental,  inclúense prazas de psiquiatras e psicólogos clínicos.

Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 1.310 aspirantes en todos os procesos, dos que xa están resoltos médicos especialistas en atención primaria e pediatría de atención primaria e de hospitais. 

Falta por resolver médicos de urxencias, HADO e enfermería de saúde mental. 

Incorporación de persoal fixo 

Esta convocatoria terá como resultado a incorporación de persoal fixo de 93 prazas en distintas especialidades de facultativo especialista de área para postos en hospitais comarcais (anestesia, traumatoloxía, radioloxía, xinecoloxía, médico de urxencias...), 81 en saúde mental, das que 44 son de psiquiatras e 37 de psicólogos clínicos. As prazas serán adxudicadas sen a realización de exames de oposición, coa baremación do currículum dos participantes.


Ademais da publicación na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) das puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes presentados ao proceso selectivo, cada aspirante poderá consultar o detalle da súa puntuación no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde