A XUNTA DESTACA OS AVANCES EN TRANSFORMACIÓN DIXITAL DO SERGAS NO CONGRESO NACIONAL DE INFORMÁTICA DA SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 03 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, participou hoxe pola tarde, de modo telemático, na sesión de apertura de autoridades do XXVII Congreso Nacional de Informática da Saúde “Infors@lud 2024”, que organiza a Sociedade Española de Informática da Saúde baixo o lema: “A cooperación clave para o éxito da transformación dixital do Sistema Nacional de Saúde. 

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria remarcou que Galicia segue a apostar por fortalecer o seu camiño á transformación e saúde dixital a través da planificación estratéxica das tecnoloxías da información. Así, recentemente, a Consellería de Sanidade publicou o Plan de Transformación e saúde dixital para o período 2023-2026, que conta cun investimento de 200 millóns de euros. Ademais, Sanidade creou un Consello técnico asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do sistema público de saúde de Galicia, que é un órgano colexiado para o deseño e proposta das políticas neste ámbito.

Comesaña remarcou que o seu departamento segue a apostar polo uso da compra pública de tecnoloxía innovadora e, na actualidade, Sanidade está a pechar os seus proxectos de desenvolvemento de plataformas de investigación e ensaios clínicos en rede, e está inmerso nun plan de innovación enfocado á medicina personalizada, de precisión, e as ciencias ómicas.

No ámbito da ciberseguridade, Comesaña dixo que Sanidade aprobou un plan para o período 2023-2026 con importantes investimentos, estando a piques de certificarse de xeito global no esquema nacional de seguridade, sendo Galicia a primeira comunidade de España que o fará nun ámbito tan estendido e no máximo nivel de seguridade.

O titular da carteira sanitaria tamén puxo en valor na súa intervención que son moitos os proxectos de transformación que o seu departamento está a abordar, entre os que remarcou a iniciativa Xenoma Galicia, os investimentos en centros sanitarios intelixentes, a dixitalización da anatomía patolóxica ou a posta en marcha de IANUS 5.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde