PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL E DE ALCER CREAN UNS RILES PARA CONCIENCIAR NO DÍA MUNDIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 03 2024
 

​Profesionais de moi diferentes ámbitos da Área Sanitaria de Ferrol realizaban conxuntamente coa Federación Alcer Coruña un acto distinto e especial esta mañá por mor do Día Mundial do Ril, que se celebra hoxe. Todos xuntos creaban uns riles xigantes para concienciar sobre a importancia do coidado destes órganos, no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Un ano máis o obxectivo é concienciar sobre a saúde renal. Polo que persoal de Enfermaría e Facultativo do Servizo de Nefroloxía, da Dirección da Área Sanitaria de Ferrol, da Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, e integrantes de moi diferentes departamentos sanitarios e non sanitarios do Complexo uníronse a este acto cun obxectivo común. Entre outros moitos, e xunto coa pancarta informativa, estiveron presentes o xerente, Ángel Facio Villanueva; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Juan Manuel González Lorenzo; e o responsable de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; xunto cos representantes de Alcer Coruña, o presidente Rafael Rodríguez; a traballadora social, Ángela Breijo; e voluntarios como Gumersindo González, Montse Moreda o Jose Prieto.

A insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo. A clave é a prevención, xa que máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables como a diabetes e a hipertensión. Esta patoloxía ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios. O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar o súa progresión. Para iso, pódense facer diferentes cuestións non por básicas menos importantes: exercicio físico a tódalas idades e evitar o sobrepeso; dieta san, con restrición do consumo de sal e graxas saturadas; non fumar; e limitar o consumo do alcohol. 

Atención ó ril na Área Sanitaria de Ferrol

Na Área Sanitaria ferrolá, un total de 30 pacientes iniciaron diálise no pasado an 2023. Ademais, realizáronse un total de 3.114 consultas externas en Nefroloxía, durante ese mesmo ano. Lembrar un ano máis por este día que a atención ás enfermidades do ril recae en Nefroloxía da Área que ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadios evolutivos da enfermidade. Un total de seis facultativos especialistas e catorce profesionais da Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade.  

Nefroloxía abrangue a Hospitalización, as Consultas Externas e a Unidade de Diálise. Esta Unidade ten capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. Realízase Diálise domiciliaria e a hemodiálise de crónicos e de agudos. No caso da hemodiálise, cóntase coa tecnoloxía máis avanzada dispoñible para a terapia renal substitutiva. Cóntase tamén cunha máquina portátil para a hemodiálise domiciliaria que favorece a rehabilitación social e laboral do enfermo crónico, e, ademais, simplifica moito o tratamento.

Pola súa banda, nas consultas externas abórdase a Nefroloxía Xeral, e conta tamén con tres consultas monográficas, a de Enfermidades Glomerulares e Sistémicas, a de Enfermidades Renais Hereditarias e a de Enfermidade Renal Crónica Avanzada. As enfermidades glomerulares son un grupo de enfermidades do ril que afectan ao glomérulo, unha estrutura encargada de filtrar o sangue para producir a urina; diversas enfermidades poden facer que se perda esta barreira, eliminándose na urina proteínas e distintos tipos de células. Sen un correcto tratamento, estas enfermidades poden levar á insuficiencia renal en pouco tempo. Pola outra banda, diversas enfermidades sistémicas como son o lupus ou as vasculites poden afectar tamén ao ril e conducir a unha insuficiencia renal terminal sen un tratamento axeitado. 

Na consulta de Enfermidades hereditarias, abórdanse as enfermidade de ril cun compoñente xenético. O eido das enfermidades hereditarias é un dos campos da especialidade onde maiores progresos se acadaron nos últimos anos, facendo posible diagnósticos precisos en patoloxías nas que pouco tempo atrás só se aproximaba o diagnóstico a través da clínica. O estudo xenético está a permitir o diagnóstico do paciente e familiares e prestar consello xenético. Os pacientes e as súas familias poden contar cunha asistencia especializada na atención de doenzas pouco frecuentes e de elevada complexidade. Finalmente, na consulta de Enfermidade Renal Crónica Avanzada séguense a máis de cen pacientes nos estadios máis evolucionados da enfermidade, cunha media de 76 anos e que moitos dos cales precisarán nun futuro realizar tratamento de substitución renal. Xunto con isto, o servizo foi o primeiro en Galicia en realizar Teleconsulta de Nefroloxía cos centros de saúde.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde