A XUNTA DE GALICIA ACEPTA A PARCELA CEDIDA POLO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA PARA COMEZAR ESTE ANO A CONSTRUCIÓN DUN NOVO CENTRO DE SAÚDE POR 19 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 03 2024

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de hoxe, autorizou que o Servizo Galego de Saúde acepte a cesión gratuíta por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa do terreo en que o Goberno galego construirá un novo centro de saúde por 19 millóns de euros.

Despois da aprobación do proxecto de execución da obra, este é un paso previo á licitación dos traballos que a Consellería de Sanidade lle ten encomendados á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que está previsto que sexa publicada nas vindeiras semanas, previsiblemente no mes de abril. Paralelamente, o pasado mes, o Sergas solicitou a licenza municipal para comezar este mesmo ano a executar as obras, que terán unha duración de 24 meses. 

Ampliación de consultas

O plan funcional establecido para o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa prevé chegar ás 17 consultas de medicina xeral (3 máis que no actual centro de San Roque), outras 17 consultas de enfermaría (4 máis) e 5 tanto de pediatría como de enfermaría pediátrica (1 e 2 máis, respectivamente). 

As instalacións contarán tamén con 2 consultas (unha máis en cada área) de farmacia, traballo social, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia.

Ademais, o centro terá 5 consultas de docencia en lugar dunha como na actualidade, e incorporaranse áreas como a sala de illamento, a consulta do programa da muller, a sala pediátrica integral, as cabinas de tratamento e os vestiarios do ximnasio de fisioterapia ou as consultas médicas e de enfermaría, para que poidan acudir especialistas do hospital.

O novo centro de saúde disporá dunha superficie construída de máis de 8.400 m2 e formúlase con forma de dobre U, xera dúas prazas abertas cara á cidade e cara ás vías ás que dá fronte. Estas prazas, convenientemente orientadas e resgardadas, serven de zona de espera protexida e de antesala ao centro de saúde e ao PAC.

Os terreos dispoñibles para a construción do novo centro de saúde sitúanse na avenida da Mariña -terreos portuarios da antiga comandancia- e foron postos á disposición da Administración autonómica grazas a un protocolo asinado entre a Xunta de Galicia, o Concello e Autoridade Portuaria.

Cadro médico ao completo

Ademais de avanzar na construción dunha nova infraestrutura sanitaria na capital arousá, o Sergas ten cubertas todas as prazas de medicina de familia do actual centro de saúde de San Roque e nos vindeiros días publicarase o nomeamento de novos pediatras, incluída a praza pendente de cubrir en Vilagarcía de Arousa. Isto é posible en boa medida pola adxudicación das prazas vacantes grazas a que a Xunta aprobou a primeira lei de España que permite ofrecer por concurso de méritos as prazas sanitarias de difícil cobertura. 

Desta forma, no centro sanitario pasan consulta diariamente 24 profesionais de medicina familiar e comunitaria e 5 de pediatría.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde