RUEDA ANUNCIA QUE A XUNTA LICITARÁ NO PRAZO DUN MES A HUMANIZACIÓN DA SALA DE ESPERA DE ONCOLOXÍA DO HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 03 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Xunta “vai licitar” no prazo dun mes “as obras para humanizar a sala de espera de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela” co obxectivo de que as novas instalacións estean operativas ao longo deste ano.

Tal e como explicou, a nova sala de espera do hospital compostelán “servirá de modelo” para as próximas melloras que se acometan en Ferrol, Vigo e Ourense e que beneficiarán anualmente un número potencial de máis de 10.000 persoas, ás cales se suman familias e achegados que as acompañen. 

Para fixar as necesidades da intervención no Clínico, valorada en 600.000 euros, a Consellería de Sanidade, a Xerencia da Área Sanitaria e os responsables do Servizo de Oncoloxía reuníronse cunha representante dos pacientes para ter en conta as súas peticións. Así, acordouse habilitar un espazo para cadeiras de rodas” nas entradas do hospital de día e na sala de espera, instalar chamadores ao persoal de enfermaría, puntos de carga de móbiles, máquinas de autovenda, un aseo para persoas con discapacidade ou butacas con repousabrazos. Todo isto nunha terraza que suporá dispoñer dun espazo máis amplo e con vistas ao monte das Moas, potenciando o impacto positivo nas emocións ao estar en contacto coa natureza.

Outra das melloras para poñer en marcha este ano ten que ver con novos circuítos de información para os pacientes. Para evitar ter que mirar periodicamente cara a unha pantalla, comunicaranse a través de sms e das mensaxes da app SergasMóbil os postos de tratamento, a recollida dos resultados analíticos ou a orde de fabricación de fármacos, que se automatiza en canto se notifica a asistencia do paciente ao centro. 

Media de estancia de tres horas nos hospitais de día

O obxectivo destas melloras e facer “o máis confortable posible a estancia aos pacientes e familiares” nos centros sanitarios, especialmente aqueles que teñen que pasar moito tempo nestas instalacións.

No caso do Hospital Clínico Universitario de Santiago, durante o ano 2023 realizáronse 23.764 actos asistenciais no Hospital de Día de Oncoloxía sobre 2.812 pacientes diferentes. En concreto, no que se refire a tratamentos, foron realizados 1.113 tratamentos curtos (menos dunha hora de tratamento), 5.478 tratamentos medios (entre unha e tres horas) e 7.955 tratamentos longos (máis de tres horas). En total utilizan estas instalacións unha media de 175-225 pacientes ao día, ademais das persoas que os acompañan. 

En canto á área sanitaria de Vigo, no ano 2023 realizáronse 38.451 actos asistenciais a 3.113 persoas. Respecto da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o ano pasado realizáronse 17.897 actos asistenciais a 2.995 persoas. E no que se refire á outra área en que se actuará proximamente, a área de Ferrol, no mesmo período realizáronse 20.727 actos asistenciais a 1.564 persoas.

En función das necesidades específicas de cada paciente, o tempo de espera varía e a media sitúase en tres horas, incluída unha hora entre a análise de sangue e a consulta médica e dúas horas entre a consulta médica e o inicio da administración do tratamento. Nos hospitais de día oncolóxicos desenvólvese o coidado integral de pacientes con cancro, que consiste desde nunha análise de sangue, nunha consulta médica, de enfermaría, farmacéutica ou psicolóxica, a unha preparación farmacéutica e a administración dos tratamentos no mesmo día. Existen máis de 300 procedementos diagnósticos e terapéuticos que poden durar desde uns minutos a 8 ou 9 horas. 

Próximas actuacións 

Actualmente o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e o HULA xa contan con melloras nas súas salas de espera para pacientes con cancro e, no caso de Pontevedra, están previstas no Hospital Novo Montecelo que se está a construír.

A continuación, nas áreas sanitarias de Ferrol, Vigo e Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras está prevista a licitación da redacción do proxecto ao longo deste ano e, en 2025, licitar e executar os traballos de humanización. 

Desta forma, tal e como explicou Rueda, os orzamentos da Xunta de 2024 reservan 1,5 M€ para os proxectos destas tres áreas e as obras do Hospital Clínico. “Deste xeito, todos os grandes hospitais de referencia de Galicia terán humanizadas as salas de espera e tratamento de Oncoloxía”, resaltou.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde