A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE PARTICIP0U NUN ACTO DE CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DO RIL CONVOCADO POR ADROVI, A IRMANDADE DOANTES DE VIGO E ALCER PONTEVEDRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 03 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) conmemorou xunto a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), a Irmandade de Doantes de Sangue de Vigo e Alcer Pontevedra, o Día Mundial do Ril co obxectivo de sensibilizar e crear conciencia na sociedade sobre a importancia do coidado dos riles, a través de hábitos de vida saudables.

O acto, celebrado esta mañá no Centro Comercial Vialia, e ao que asistiu Ana Ortiz Álvarez, delegada territorial da Xunta en Vigo, e Marisa López García, directora de ADOS, contou cunha mesa informativa para divulgar e informar sobre todo o relacionado coas doazóns e os transplantes de ril. Así mesmo, desenvolveuse unha charla acerca da importancia que ten a alimentación e os hábitos de vida saudables para coidar os nosos riles e, deste xeito, previr enfermidades de orixe renal; mentres que persoal de enfermería do Hospital Vithas tomoulle a tensión arterial a todas as persoas presentes que o desexaron. O evento tamén contou coa presenza de alumnos e alumnas dos ciclos formativos do Colexio Vivas.

Día Mundial dende o 2006

O Día Mundial do Ril celébrase, dende 2006, o segundo xoves do mes de marzo, e ten como finalidade crear conciencia social sobre a importancia de coidar os nosos riles e reducir o impacto das enfermidades renais e os seus problemas asociados. Neste 2024, conmemórase baixo o lema “Saúde renal para todos: Promovendo a igualdade no acceso á atención sanitaria”. Para crear unha conciencia global sobre a importancia de garantir un acceso equitativo ao tratamento e a atención adecuada para quen padece unha enfermidade renal.

A importancia dos riles

Lembrar que os riles realizan diversas funcións moi complexas e de gran importancia no noso organismo. Filtran e limpan o sangue, eliminan o exceso de líquido e as toxinas por medio dos ouriños, manteñen o equilibrio das diferentes substancias que hai no sangue - como pode ser o sodio e o potasio - e contribúen de maneira decisiva a controlar a presión arterial.

Así mesmo, salientar que en xaneiro de 1981 realizábase o primeiro transplante de ril en Galicia. Un mozo recibía o órgano que lle doaba o seu propio pai, tratábase dun doante vivo. O ril funcionou durante 15 anos e supuxo un gran logro na historia da medicina galega. 43 anos despois, na nosa comunidade lévanse efectuado 4.992 transplantes deste órgano.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde