​A XUNTA É PREMIADA POLA AXENCIA ESPAÑOLA DE SEGURIDADE ALIMENTARIA E NUTRICIÓN POLO SEU PROGRAMA DE PROMOCIÓN DA SAÚDE NO ÁMBITO LABORAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 03 2024
 

A Consellería de Sanidade, segundo recolle o Boletín Oficial do Estado, foi recoñecida polo seu programa de promoción da saúde no ámbito laboral na última convocatoria dos premios NAOS (Nutrición, Actividade física e Prevención da obesidade) que concede a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición. Así, o organismo valorou o traballo para situar a Xunta de Galicia como referente de empresa promotora de saúde, no marco do  Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030.

O proxecto da Dirección Xeral de Saúde Pública contempla como primeira acción o deseño dunha campaña de motivación para fomentar a actividade física durante a xornada laboral. Neste sentido, colocáronse carteis con lemas como “Mellor a pé” para animar a subir escaleiras en lugar de coller o ascensor ou pegadas no chan que falan dos beneficios de camiñar “Cada minuto, 3 kcal. Menor risco de cancro de colon”. 

Na mesma liña de reducir o sedentarismo, elaboráronse percorridos no interior ou exterior do Edificio Administrativo de San Lázaro, no parque Calomagno (próximo á sede da Xunta de San Caetano), na Axencia Galega de Innovación (GAIN) de Santiago de Compostela, en delegacións territoriais da Xunta ou no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol. Con eles, suxírese facer reunións en ruta como alternativa a reunións estáticas.

Outra das iniciativas é mellorar a oferta alimentaria das máquinas de autovenda de edificios públicos a través da elaboración dun modelo de pregos de prescricións técnicas para comedores de centros de traballo supervisado por especialistas en nutrición e dietética. 

Desta forma, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición tivo en conta que a intervención teña en conta múltiples compoñentes baseados na evidencia científica para promover o exercicio físico e a alimentación saudable entre o plantel da Xunta de Galicia. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde