O SERVIZO DE PNEUMOLOXÍA DO CHUF INCORPORA A NOVA TÉCNICA DE CRIOEBUS Á ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 03 2024
 

​O Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol incorpora a nova técnica de Crioebus para fundamentalmente, o diagnóstico e a estadiaxe do cancro de pulmón. Este Servizo vén de incorporar unha nova máquina cun dispositivo que permite a crioxenización obtendo unha mostra bronquial en frío. A vantaxe fronte a toma de mostra habitual para o diagnóstico é que se poden obter mostras de maior tamaño e calidade.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol é un dos primeiros hospitais de España e de Galicia en incorporar esta nova técnica, contando con profesionais especialmente formados en Oviedo para a aplicación da mesma, como a especialista en Pneumoloxía Irene Nieto Codesido.

Chegar á lesión e optimizar as mostras

A Ebus é unha ecobroncoscopia, isto é, introdúcense sondas coas que se chega o bronquio para ver se hai afectación como ganglios, adenopatías ou masas tumorais para poder realizar unha biopsia e establecer un diagnóstico. Estas técnicas broncoscópicas realízanse un día á semana, “nunha sala específica para as mesmas, e habitualmente acompañados dun especialista en Anatomía Patolóxica, que xoga un papel fundamental no procedemento”, explica a responsable do Servizo de Pneumoloxía do Complexo, Carmen Diego Roza.

Como explica esta profesional, "hai un cambio e unha evolución no cancro do pulmón, con cada vez máis terapias personalizas; e hai tamén rebiopsias e estudos mutacionais que esixen maiores exactitudes en diversos parámetros das mostras”. Esta nova técnica que incorpora o frío á ecobroncospia a través da crioxenización permite estudos inmunohistoquímicos e terapia individualizada ó poder optimizar a mostra, remata.

Perfil de paciente determinado

O paciente que se beneficia desta técnica na Área Sanitaria de Ferrol é maioritariamente o afectado por un cancro de pulmón, porque é a causa máis frecuente de ganglios mediastínicos (do mediastino, que é o espazo entre os dous pulmóns), e que é un ámbito pechado ó que antes de incorporar a técnica EBUS, hai uns sete anos nesta Área Sanitaria ferrolá, había que acceder abrindo cunha cirurxía. 

O 80% da aplicación é para patoloxía tumoral, cancro de pulmón ou algún tipo de linfoma, pero tamén se pode aplicar en adenopatías ou sarcoidose, por exemplo. Non tódolos pacientes son susceptibles de lles realizar esta proba, que está condicionada a múltiples factores como por exemplo a propia localización da lesión ou a anatomía e a  situación de base da persoa afectada.

No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, realízase unha media de 100 Ebus ó ano, e xa se aplicou esta nova técnica de crioebus nos últimos meses a dous destes pacientes. Durante o pasado ano 2023, un total de 1.089 casos de tumores de pulmón foron comentados polo Comité multidisciplinar que existe especificamente para este tipo de tumor na Área Sanitaria de Ferrol. As cifras eran semellantes o ano anterior, uns 1.107 casos estudados e valorados neste ámbito.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde