PREMIO NACIONAL Ó PROXECTO VIXÍA E ACTÚA DE CARDIOLOXÍA DO CHUF PARA PACIENTES CON SÍNDROME CORONARIA AGUDA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 03 2024
 

​O proxecto Vixía e Actúa desenvolvido por un equipo multidisciplinar do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi premiado o pasado xoves a nivel nacional no XXVII Congreso Nacional de Informática de la Salud, Infors@lud, que se celebraba en Madrid entre os días 12 e 14. A Sociedade Española de Informática da Saúde outorgaba o premio ó mellor proxecto innovador ó traballo Sistema Intelixente para seguimento de pacientes con Síndrome Coronaria Aguda da Área Sanitaria de Ferrol. A responsable de Cardioloxía, Raquel Marzoa Rivas, defendía este traballo asinado xunto con integrantes da Subdirección de Tecnoloxías da Información da Área Sanitaria de Ferrol, como Javier Rey Carbón e Javier Quiles del Río, creadores da ferramenta informática que permite a detección precoz de pacientes que precisan unha intervención médica.

Coa activación deste proxecto, os e as pacientes que tiveran pasado unha síndrome coronaria aguda estarán aínda máis controlados, xa que se mellora o circuíto asistencial dos mesmos tras esta síndrome. Neste traballo, explicaba Raquel Marzoa, considéranse catro obxectivos principais de estudo: a autoavaliación do procesos asistencia desta síndrome coñecendo a situación a nivel local e determinar indicadores de situación inicial; o desenvolvemento dun sistema intelixente que permita a identificación precoz de pacientes que non teñen realizado o control de LDL-C (nivel de colesterol asociado a esta síndrome); Integración deste sistema automatizado na Historia Clínica (IANUS), que permita unha intervención áxil e precoz dende os diferentes ámbitos hospitalario e primaria; e, por último, a avaliación da mellora obtida no proceso.

A responsable de Cardioloxía do CHUF subliñou a importancia da implicación dos e das profesionais dende distintos ámbitos, tanto no centro de saúde como no hospital, e tanto no eido sanitario, facultativo e Enfermaría, como no non sanitario, como os técnicos informáticos, de feito, constituíuse un grupo de traballo multidisciplinar para o desenvolvemento do mesmo.

O punto de partida é a alta prevaleza do infarto de miocardio nesta Área, xa que se producen entre 400 e 450 infartos ó ano; e existe o risco de que estes pacientes presenten un segundo evento cardiovascular ou falezan se o seguimento non é óptimo. Un dos primeiros esforzos radicou en crear consultas específicas que permitisen facer un seguimento máis personalizado de acordo a complexidade de cada caso, e protocolizar, coa colaboración do Servizo de Análises Clínicas, os perfís analíticos que requirían este tipo de pacientes para o seguemento; e o seguinte esforzo, integrar ferramentas dixitais que permitan aumentar a seguridade e reducir os tempos nos distintos pasos da atención á síndrome coronaria aguda, como a que se premia a nivel nacional.

Ferramenta dixital para controlar valores do paciente

Cando un paciente sofre un infarto de miocardio é prioritario reducir o máis axiña posible os niveis de LDL-c, un colesterol vencellado directamente con esta síndrome cardiovascular, para reducir o risco de presentar outro evento cardiovascular. Así, o eixo principal foi a creación e integración na historia electrónica dunha ferramenta dixital que permite a identificación precoz de pacientes con control subóptimo de LDL-c e tamén daqueles que non realizan o control analítico no período de tempo establecido. Outro dos valores tido en conta é a Lipoproteína-A, outro tipo de colesterol “malo” que incrementa o risco de infarto e ictus. Mediante esta ferramenta o médico, de forma inmediata, pode facer unha intervención no tratamento sen ter que esperar a cita de seguimento presencial. A clave é medir eses valores, e que exista un control dos mesmos nos distintos chanzos establecidos nunha ferramenta dixital que axuda xa a facer esas deteccións dun xeito más rápido e dinámico, e que indica se o paciente está neses rangos correctos ou non. 

Polo tanto, conséguese así que toda a actividade estea rexistrada nun lugar onde pode ser consultada por tódolos profesionais facultativos e de Enfermaría, e tanto do hospital como do centro de saúde. Automatízase o seguimento ambulatorio tras un infarto para mellorar a prevención secundaria ou retomala naqueles pacientes que non fan seguimentos de forma rutineira; mellora a educación sanitaria interniveis e garante un proceso de transición á alta de calidade; e, tamén, establece fórmulas para que o paciente sexa o centro do proceso e poida participar activamente nel.

Resultados que avalan a utilidade do proxecto

Trala activación do sistema de monitorización, este sistema incluíu a 180 pacientes con diagnóstico da Síndrome Coronaria Aguda, entre setembro do ano 2023 e febreiro de 2024. Identificáronse un total de 55 alertas, que superaban os índices de LDL-c ou que non determinaran ese índice no tempo establecido. Nos pacientes identificados polo sistema, realizouse unha intervención de revisión de historia clínica e/ou unha posterior consulta telefónica, segundo o caso; aproveitouse para realizar unha intervención sobre recomendacións hixiénico-dietéticas; e recordouse a importancia de acadar os obxectivos de prevención secundaria. 

Serviu esta dinámica igualmente para realizar unha intensificación do tratamento farmacolóxico no 77,5% dos pacientes que presentaban niveis LDL maior de 55, que foi o establecido. Comprobouse que, tras esta intervención, o nivel de LDL-c melloraba de forma significativa nun 83,3%; e case un 40% acadaban niveis obxectivo tras unha única intervención. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde