O CONSELLO INTERDEPARTAMENTAL PARA A PREVENCIÓN DO SUICIDIO ABORDA A IDENTIFICACIÓN DOS PUNTOS NEGROS ARQUITECTÓNICOS E XEOGRÁFICOS E A CREACIÓN DE BARREIRAS DE ACCESO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 03 2024

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu onte a 6ª reunión do Consello Interdepartamental para a prevención e atención das condutas suicidas. A xuntanza estivo presidida polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

Cómpre remarcar que o suicidio é un problema da sociedade no seu conxunto, de xeito que, para que unha estratexia na poboación resulte eficaz, se precisa dar unha resposta multisectorial e integral agrupando a experiencia e coñecemento dos distintos axentes implicados no mesmo, e de aí xurde a necesidade da creación deste Consello Interdepartamental. 

Entre os temas abordados na xuntanza de onte estivo a identificación dos puntos negros arquitectónicos e xeográficos do suicidio e a creación de barreiras de acceso. Dada a importancia deste punto na orde do día, ademais dos membros do Consello, foron invitados representantes da FEGAMP e das deputacións.

O Plan de prevención do suicidio en Galicia naceu xa co dobre obxectivo de reducir a taxa de suicidios e establecer medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio e das súas familias. Dito Plan ten sete liñas estratéxicas e a 4ª delas titulada: Limitación de acceso a medios letais, foi o punto central da reunión mantida onte, xa que a medida 23 desa liña 4ª trata de identificar os puntos negros arquitectónicos e xeográficos do suicidio e crear barreiras de acceso.

Un punto negro e aquel que rexistrou mais dun suicidio no ano, e eses puntos negros mudan co tempo, polo que cada dous anos convén revisalos, e para iso cóntase coa inestimable axuda das forzas de orde pública: Policía Nacional e Garda Civil, que coordinados polo IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia), facilitan esa información.

Na xuntanza de onte, abordáronse os datos dos últimos 20 anos e acordouse crear unha comisión conxunta de Sergas, IMELGA, forzas de orde pública e outros organismos,  para cando proceda trasladar ás administracións respectivas a información coa fin de que articulen as medidas preventivas que procedan.

Plan de Saúde Mental

Galicia foi unhas das primeiras comunidades en definir unha folla de ruta para abordar os problemas de saúde mental, que se teñen incrementado logo da pandemia. Dita folla de ruta plasmouse no Plan de Saúde Mental 2020-2024, que conta cunha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros para os catro anos, dos que 36 millóns están consignados a un aumento progresivo de persoal, ata crear 241 prazas. Na actualidade, o departamento sanitario galego xa está a traballar no Plan de Saúde Mental que vai dar continuidade ao do período 2020-2024.

No marco do desenvolvemento de dito Plan, o Executivo acordou traballar no obxectivo de promover a saúde mental na infancia e previr os intentos de suicidio na poboación infantil e adolescente, elaborando unha actualización do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil. 

Ao abeiro deste Protocolo, decidiuse levar a cabo un programa de prevención universal dirixido ao alumnado da ESO co obxectivo de diminuír a incidencia da conduta suicida e mellorar as estratexias de busca de axuda, estando identificando o Programa YAM como o modelo de intervención máis eficaz, de acordo as recomendacións da OMS e Save the Children.

Para o desenvolvemento do YAM, a Xunta de Galicia conta cun financiamento de dous millóns de euros, a través do Fondo Social Europeo. Así, o traballo colaborativo entre as Consellerías de Educación e a de Sanidade está a levar aos centros de secundaria un programa que amplía os recursos que xa incorporan o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, e nomeadamente, o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde