​A MESA PARA A CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE TRANSPORTE SANITARIO URXENTE TERRESTRE CELEBRARASE O PRÓXIMO MARTES CON OFERTAS PARA TODOS OS LOTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 03 2024
O próximo martes, 26 de marzo, está previsto que teña lugar a celebración da mesa para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre nas áreas da Coruña, Baixo Miño, Pontevedra, Salnés e Vigo pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que conta con ofertas de empresas de transporte sanitario para todos estes lotes.

A constitución da mesa de contratación, para a apertura dos sobres coas ofertas técnicas, terá lugar nun acto público, e inicia o proceso de licitación para a contratación dos cinco lotes territoriais, que non recibiron ofertas no mes de decembro cando se licitou o servizo de transporte sanitario urxente terrestre para a Comunidade Autónoma de Galicia.

A contratación deste servizo ten un valor estimado de 48.977.831,21 € que se distribuirá en dúas anualidades, previstas para o período comprendido entre os meses de xuño de 2024 e maio de 2026. A entrada en vigor do contrato, que se prevé para o mes de xuño de 2024, terá unha duración de dous anos, e poderá prorrogarse por un período máximo dun ano.

Actualmente, a contratación dos outros oito lotes, licitados no mes de decembro, que xunto cos cinco que se están a licitar compoñen a Rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061, está xa na fase de adxudicación, concretamente na presentación da documentación de adxudicatarios propostos. Conta cunha previsión de inicio da prestación do servizo para este próximo mes de maio de 2024.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trata así de axilizar a contratación deste servizo sanitario esencial á maior brevidade para seguir a cumprir co seu compromiso coa eficacia, eficiencia e calidade desta actividade sanitaria asistencial cara á poboación galega.

Cómpre salientar que o contrato para a prestación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre, incorpora as melloras laborais do convenio colectivo entre as empresas e os técnicos en emerxencias sanitarias, que supera os 1.000 traballadores na Comunidade Autónoma galega.

Estes beneficios están relacionados co reaxuste dos tempos de traballo, que supón unha redución da xornada laboral; a compensación das xornadas nocturnas con días de descanso; incrementos salariais; e melloras en beneficios sociais, como a protección da maternidade e as condicións de acceso á xubilación, entre outros. Aspectos, todos eles, recollidos no actual convenio do sector de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia de Galicia, asinado no mes de novembro do pasado ano.

Ampliación de vehículos substitutos

Ademais, os pregos do contrato para a prestación deste servizo inclúen unha ampliación dos vehículos substitutos de soporte vital avanzado (SVA), nas áreas de transporte sanitario urxente con tres ou máis vehículos de SVA, e cun vehículos substituto de soporte vital básico (SVB), nas áreas con oito ou máis vehículos de SVB.

Por outra banda, entre as melloras cualitativas deste contrato, destacan a incorporación dun sistema de incentivos da operatividade dos recursos e a oferta, nos criterios de adxudicación, dun vehículo adicional para o traslado de pacientes con obesidade mórbida que garante o traslados destes pacientes cun maior confort e seguridade.

Aumento de cobertura e capacidade

Con este contrato, a Rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 disporá de 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas, 5 ambulancias asistenciais de SVA de enfermería, dous helicópteros medicalizados, 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e tres ambulancias convencionais.

Todos estes recursos, mobilizados desde a Central de Coordinación do 061, garanten a asistencia ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias en Galicia as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Deste xeito, consolídanse todos os novos recursos asistenciais incorporados na anterior contratación, efectuada no ano 2019, que incrementaron a cobertura e capacidade do servizo de transporte sanitario urxente ata acadar datos récord de actividade. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde