A XUNTA INCORPORARÁ A VACINA VÍA INTRANASAL PARA OS CATIVOS DE DOUS A CINCO ANOS NA VINDEIRA CAMPAÑA ANTIGRIPAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 03 2024

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai incorporar “a vacina intranasal para os cativos de 2 a 5 anos” na vindeira campaña de vacinación contra a gripe. “Vanse destinar máis de 550.000 euros a adquirir 30.000 doses”, indicou tras a reunión semanal do Consello. 

Rueda resaltou que Galicia “é un referente en vacinación, especialmente na infantil” xa que foi a primeira a nivel mundial en incorporar certas vacinas ao calendario. Nesta liña, asegurou que a Xunta segue a ampliar a prevención de enfermidades coa incorporación desta nova vacina para os rapaces de 24 a 59 meses.

Esta vacina é un aerosol nasal que presenta vantaxes sobre a vacina convencional entre as que cómpre remarcar unha técnica de administración menos invasiva, “xa que substitúe os pinchazos”. Así se recolle, segundo trasladou o presidente, nun informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade referido á contratación da subministración sucesiva desta vacina.

O departamento sanitario galego agarda que a efectividade e o impacto en saúde pública sexa maior, posto que, ao ser unha vacina atenuada, activa o sistema inmunitario a nivel local. Así, aumenta a neutralización do virus na porta de entrada, na mucosa nasal.

Ademais, recentes estudos demostraron a diminución da incidencia de infeccións por estreptococo A en cativos que recibiron a vacina intranasal fronte á gripe.

O obxectivo, tal e como salientou Rueda, é “acadar coberturas de vacinación por riba do 60%” nos nenos e nenas deses tramos de idade, o que se estima en máis de 27.000 persoas. Na última campaña de 2023-2024, Galicia acadou un 50 % de cobertura na franxa de 24 a 59 meses.

Por tanto, a adquisición desta vacina por parte da Xunta responde ao obxectivo de mellorar a protección da poboación infantil fronte á gripe, así como a adherencia e as coberturas nas idades comprendidas entre os 24 e 59 meses, que son os tramos onde descenden os datos de vacinación. En cambio, a cobertura en bebés de 6 meses a un ano chega ao 83 %.

Cómpre remarcar que Galicia foi pioneira en anunciar a vacinación antigripal en nenos de 6 a 59 meses na campaña 2022-2023, conseguindo a cobertura máis alta entre as comunidades que a introduciron no calendario. A vacina dispoñible para este grupo de idade nestas dúas temporadas 22/23 e 23/24 foi a tretravalente de administración intramuscular mediante inxección.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde