O SERGAS EXECUTARÁ NOS VINDEIROS MESES O PROCESO DE CONCURSO DE MÉRITOS DE PERSOAL FACULTATIVO ESPECIALISTA, DE MÉDICO DE URXENCIAS E MÉDICO DO 061
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 03 2024


Hoxe ás 12 horas tivo lugar, no Edificio Administrativo do Sergas, unha reunión extraordinaria da Administración sanitaria da Xunta de Galicia cos representantes dos sindicatos da Mesa sectorial (CIG, CCOO, CSIF e UGT), para informar dalgunhas novidades importantes nos procesos de selección e provisión vinculados a persoal facultativo especialista dos centros hospitalarios e do 061. 

A Administración sanitaria xa informara en 2023 que tiña demorada a resolución do concurso de méritos de estabilización das diversas especialidades de persoal facultativo especialista de área, con máis de 300 prazas pendentes de resolver, por unha sentencia do TSXG que cuestionaba o baremo. Os sindicatos manifestaron a preocupación crecente do persoal facultativo especialista ante esta demora. 

A Administración sanitaria, tras consultar coa Asesoría Xurídica Xeral, informou hoxe á Mesa Sectorial que procederá a executar a convocatoria de concurso de méritos de estabilización de prazas de persoal facultativo especialista, consonte o baremo publicado, ante a admisión a trámite do recurso de casación presentado pola Administración da Xunta ante o Tribunal Supremo fronte á devandita sentencia do TSXG, que cuestionaba a dobre puntuación de servizos prestados no Sergas nestas categorías. A admisión do recurso por parte do Tribunal Supremo implica unha maior seguridade xurídica á hora de retomar a execución do proceso selectivo. 

A Xunta defende que, agás no País Vasco, a totalidade dos servizos de saúde das comunidades autónomas valoran en maior medida os servizos prestados no propio servizo de saúde e que, no caso de Galicia, de non facelo así, se prexudicaría aos profesionais da sanidade galega. 

A admisión a trámite do recurso de casación permite dubidar da sentenza ditada polo TSXG e, en consecuencia, procederase a executar a convocatoria nos próximos meses. 

A estabilización do persoal facultativo especialista é unha das máximas prioridades, ante a tensión existente no Sistema Nacional de Saúde, por mor da insuficiencia de persoal facultativo especialista, o que leva a tomar esta decisión.

Desta forma, no momento no que se abre o prazo de elección de destino de prazas de difícil cobertura en hospitais comarcais, se envía unha mensaxe a aqueles profesionais con maior antigüidade comunicando que as convocatorias de méritos pendentes serán resoltas este ano. Isto favorece que as prazas de difícil cobertura sexan elixidas polos profesionais que efectivamente teñen intención de desempeñalas. 

Plan de remuda xeracional

Así mesmo, infórmase do novo Plan de remuda xeracional para a fidelización de persoal en formación que remata este ano a súa residencia. Este programa -iniciativa adoptada polo Sergas- está sendo imitado por outras comunidades autónomas. No ano 2024 publicaranse dúas convocatorias: unha en próximas datas, para contratos de 3 anos, a ofertar nas distintas especialidades cun MIR de 5 anos de duración, que rematan no mes de maio a residencia; e unha segunda convocatoria para as especialidades cun MIR de 4 anos, que rematan en setembro, por demora na formación derivada da pandemia. 

As prazas concretas ofertadas responderán ás peticións das xerencias das áreas, en función das vacantes previstas por xubilación de profesionais nos vindeiros 5 anos. As ofertas incluirán un mínimo 60 contratos de fidelización para remuda xeracional, así como as vacantes do ano anterior.

A Administración tamén informou aos sindicatos da Mesa Sectorial que as prazas de médico de urxencias do Hospital de Ourense serán consideradas de difícil cobertura, e así se regulará normativamente, computando os servizos prestados nese Servizo de Urxencias de Ourense co triplo de puntuación. Ademais, as prazas que non se cubran polos procedementos actuais serán incluídas nas convocatorias de difícil cobertura para acceso por concurso de méritos. Desta forma, incentivarase a cobertura das prazas vacantes existentes no servizo.

Así mesmo, tamén se proporá un programa especial de cobertura mínima dun mes dirixido a persoal temporal doutras áreas sanitarias, con incentivos económicos (900 euros adicionais ao salario), dietas de desprazamento e residencia.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde