A XUNTA OFRECEU XA A PRETO DE 90.000 MULLERES PARTICIPAR NO CRIBADO DE CANCRO DE CÉRVIX QUE FUNCIONA EN TODA GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 03 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, na súa visita ao centro de saúde da Praza de Ferrol, que a Xunta ofreceu xa a preto de 90.000 mulleres participar no cribado de cancro de cérvix que funciona en toda Galicia, cunha participación efectiva de preto do 60%. Ao respecto, analizáronse máis de 52.000 mostras, das que o 94,1% resultaron negativas no virus do papiloma humano. Estes resultados referidos á área sanitaria lucense reflicten un 93,77% de negativos.

No tocante ás lesións detectadas, o conselleiro referiu que hai 253 mulleres en seguimento e 13 con cancro de cérvix confirmado, das que catro son da área sanitaria de Lugo. Máis alá das cifras, o titular da carteira sanitaria destacou a figura profesional da matrona na adhesión das mulleres ao programa, trasladando o seu recoñecemento a este colectivo.

Comesaña, quen estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares,  subliñou que o Programa de detección precoz de cancro de cérvix, desenvolvido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, comezouse a poñerse en marcha no 2020 en Lugo, e o Ministerio de Sanidade marcara o 2024 como ano límite para iniciar a súa implantación e 2029 como tope para chegar ao 100% de cobertura. Dende decembro do ano pasado xa funciona en todas as áreas sanitarias galegas, -dixo Comesaña-, quen amosouse orgulloso do traballo realizado, con profesionais que reforzan a atención á saúde das mulleres.

Con motivo da celebración mañá do Día mundial da prevención do cancro de colo uterino, o conselleiro animou ás mulleres a participar no programa e recordou que o centro que hoxe visitou foi pioneiro á hora de iniciar a pilotaxe desta iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública, sendo xunto ao de San Roque, o de Palas de Rei e o de Guntín, dos primeiros centros de saúde nos que se implantou.

Na súa visita de hoxe, o titular da carteira sanitaria tamén se achegou ao Hospital Universitario Lucus Augusti, para ver as instalacións do laboratorio de Microbioloxía, onde se analizan, entre outras cousas, as mostras do programa.

Prevención primaria e secundaria

Na súa intervención de hoxe, o conselleiro tamén agradeceu o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública, impulsora dos programas de detección precoz dos cancros de mama, cérvix e colon, ademais de ser artífices dun dos programas neonatais máis completos de España, con abordaxe de 37 patoloxías. Ademais, Galicia é pioneira en materia de vacinación, co calendario de inmunización máis completo do mundo.

Xunto ao anterior, o máximo responsable da sanidade pública galega dixo que o Goberno galego conta con accións específicas que inciden na prevención primaria, con programas que fomentan os estilos de vidas saudables, entre os que citou o Plan de obesidade zero ou a plataforma Mediaverso.

Para rematar a súa intervención no acto, ao que tamén asistiu a directora de enfermería da área sanitaria, María Jesús Pérez Taboada, así como a xefa de servizo de atención primaria do centro de saúde da Praza de Ferrol, María Aurea Mejuto Rodríguez, o conselleiro agradeceu a Esther Martínez Becares, matrona deste centro, as súas palabras nas que aportou unha visión máis local na implantación do programa, e concluíu agradecendo a profesionalidade, implicación e compromiso que amosa o persoal da área sanitaria, o que está a redundar nunha mellor atención dos pacientes.

Descubrimento de placas conmemorativas

Para rematar a visita do conselleiro, procedeuse ao descubrimento de placas conmemorativas para, -como dixo o xerente da área sanitaria-, Ramón Ares, honrar a figura de tres persoeiros, tres profesionais, que dedicaron a súa vida á sanidade pública: o enfermeiro, Faustino Vilar Ferreiro; o doutor José Goyanes Capdevila e o doutor Rafael de Vega Barrera. 

Logo de facer un repaso pola biografía de cada un deles, o xerente sinalou que, dende hoxe, por decisión da Consellería de Sanidade e, en recoñecemento e agradecemento ao seu compromiso, entrega e dedicación vocacional á sanidade pública, os seus nomes designarán cada un dos pavillóns de hospitalización do Hospital Universitario Lucus Augusti, un centro cuxa posta en marcha supuxo un enorme salto cualitativo na atención que se presta a todos os usuarios do sistema público de saúde de Galicia, pero que medra co bo facer, a implicación e o traballo de grandes profesionais como foron no seu día Faustino Vilar, José Goyanes e Rafael de Vega, -concluíu o xerente-.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde