“OS NENOS DESFRUTAN E AS FAMILIAS O AGRADECEN, É O MELLOR DO TRABALLO”, DI A PROFESORA DA AULA HOSPITALARIA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 03 2024
 

Cando un neno ou nena son hospitalizados no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, a actual mestra da aula hospitalaria da Área Sanitaria de Ferrol, Sheyla Martínez Ferreiro, ponse en contacto con eles para que “se lles pase mellor o seu tempo de hospitalización ou se dea continuidade á tarefa curricular, se é o caso”. O mesmo sucede cos que teñen unha enfermidade crónica que fai que teña visitas continuadas ó Complexo, como un neno alérxico, por exemplo. Cando se lle pregunta á mestra desta peculiar aula que é o máis positivo do seu traballo, contesta sen dubidalo que “os nenos desfrutan, e as familias o agradecen, é o máis positivo”; e engade, “encántame cando din que se lles pasou moi rápido a mañá, ou me preguntan, cando volves?”.

A aula hospitalaria existe nesta Área Sanitaria dende xuño de 2007, ano no que se inaugurou. Conta con espazos diferenciados no primeiro e no terceiro andar, xa que en ámbolos dous espazos hai nenos en idade pediátrica, onde hai material escolar e de xogo para as múltiples actividades que a mestra desenvolve. No ámbito hospitalario, a media de atención esta en oito nenos e nenas de ata que cumpren os quince anos, esta media baixa a catro na propia escola, xa que moitos deles están illados por diversos virus ou ben por infeccións respiratorias. A media de días de estadía hospitalaria neste ámbito pediátrico, que na Área ferrolá está na semana, tamén condiciona moito a relación do menor hospitalizado coa aula.

Mestra, ponte entre os sanitarios, os nenos e as familias

“A profesora fai un labor encomiable”, afirma o xefe de Servizo de Pediatría, José Luaces González; “é unha ponte entre o persoal sanitario e os nenos e as súas familias”. “É un cole á sua medida”, explica Carmen Galego Novo, a supervisora de Enfermaría no primeiro andar. “Os nenos a recoñecen, os pais poden contar co seu apoio; e se o ingreso é máis longo, poden facer de mediación co colexio”, explica Yolanda Durán Diéguez. Os tres coinciden na importancia de que os máis pequenos estean “entretidos”, e que non só se trata de manter a actividade curricular, senón de “facer actividades lúdico educativas, pois moitas veces as estadías son cortas”.

Como subliña Carmen Galego, “están nun medio hostil para eles, separados dos seus amigos e irmáns; e teñen unha persoa que non ten nada que ver co ámbito sanitario, e van perdendo o medo”. E José Luaces incide en como esta mestra “participa conxuntamente en humanizar os andares con diversas cuestións temáticas”, como a actual que se dedica ó espazo, construíron cos nenos unha nave espacial, e traballaron en coñecer todo o relacionado cos planetas e as estrelas. 

Profesionais sanitarios, colaboración continua

Relacionado con isto, a mestra Sheyla Martínez, destaca a importante “coordinación de tódolos profesionais na abordaxe dos nenos e nenas”, e engade que sen os sanitarios do andar tampouco sería posible acondicionar os espazos, “todos se implican na temática que se decida”. Así, Sheyla Martínez explica que á primeira hora chega e valora a situación de tódolos nenos hospitalizados, “vexo que alternativas podo empregar cos que están illados, xogos que se poidan limpar, ou material que xa non teñan que devolver, que quede para eles”.

Organiza a actividade segundo as idades cos nenos que poden e van voluntarios á aula. O labor abrangue o lúdico e o curricular segundo o neno. “Penso que isto é o máis complexo, xa que na ensinanza ordinaria contas con eses nenos todo o ano, son das mesmas idades, e con todos fas cousas semellantes; aquí podes ter un neno de tres anos e outro de doce ó mesmo tempo. A planificación é diaria e tes que aprender a incorporar a improvisación”, explica.

“A primeira metade da mañá está máis relacionada coa actividade curricular, a escritura ou a pintura, con elementos distintos para que non se aburran; se un día facemos témpera, ó outro día con adhesivos de base ou con outros materiais. Un neno ten ilustrado un conto”, exemplifica. “Traballamos moito coas emocións, trátase que se divirtan activando a creatividade e a imaxinación”. A segunda parte da mañá fan xogos de mesa e en equipo, retos de lóxica e incluso actividades na liña das escape.

Por exemplo, traballan aspectos relacionados co Día Mundial do Clima, ou este mesmo mes, co día da Muller , ou creando atmosferas de Nadal, de entroido, a actual do espazo, ou a que comezarán a volta da Semana Santa, aproveitando a chegada da primavera.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde