A ÁREA SANITARIA DE FERROL INCORPORA UNHA PROFESIONAL DE INFORMÁTICA PARA AVANZAR NO PROXECTO NACIONAL TARTAGLIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 03 2024

​A Área Sanitaria de Ferrol incorporaba este mes unha profesional de informática para avanzar no proxecto nacional Tartaglia sobre Intelixencia Artificial. Lembrar que esta Área é a única de Galicia en participar, xa que está implicada a Consellería de Sanidade a través da Área ferrolá e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). Tartaglia artella unha rede federada de datos para acelerar a investigación sanitaria en intelixencia artificial. O obxectivo do proxecto é empregar esa intelixencia artificial para axudar a pacientes e profesionais sanitarios a reforzar a prevención e mellorar o diagnóstico temperá de enfermidades.

Así, o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participa xunto con outras comunidades, Cataluña, Valencia, A Rioja e Canarias en crear unha plataforma de datos, previa recompilación e análise, coa que establecer modelos analíticos e preditivos para un máis rápido e doado diagnóstico no eido, concretamente na Área ferrolá, do cancro de próstata e da retinopatía diabética. 

Tendo en conta a diversidade de tecnoloxías, estándares e ferramentas informáticas empregadas para este proxecto, incorporouse ó actual equipo de traballo esta profesional informática para realización de tarefas de soporte e apoio técnico para os profesionais sanitarios, por exemplo, nos procesos de extracción e etiquetaxe de imaxes médicas, así como para a incorporación das devanditas imaxes ó sistema de comunicación e de almacenamento, configuración, programación e desprego de nodos, computacións, e elaboración de documentación administrativa do proxecto.

Datos para predicir patoloxías, Oftalmoloxía e Anatomía Patolóxica

O adestramento de algoritmos de intelixencia artificial require un volume grande de datos. No sector saúde, os datos están distribuídos en moitas entidades que teñen un volume acoutado de datos; e é necesario un alto grao seguridade e de control de acceso ós datos clínicos e de carácter persoal. O obxectivo, polo tanto, é validar unha plataforma que permita o desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial nun modelo de adestramento federado seguro, que aumente a potencia preditiva dos modelos; preserve a privacidade dos datos; e evite o uso de repositorios centralizados xa que estes datos quedan no provedor pero póñense en conexión co resto de hospitais a través da plataforma.

Traballarase así, no caso da Área ferrolá, en dous eixos, no adestramento de algoritmos de Clasificación Automática de Retinopatía Diabética e algoritmos de Identificación de Cancro de Próstata baseados en datos clínicos e radiolóxicos e en imaxes dixitalizadas de Anatomía Patolóxica. No caso de Oftalmoloxía, estase a traballar na creación dun banco de imaxes de fondo de ollo que son clasificadas por unha especialista, a oftalmóloga Nuria Olivier, en función da presenza ou non de signos de retinopatía diabética. O dito conxunto de imaxes clasificadas de maneira harmonizada uniranse ás catalogadas pola outra entidade que participan nesta liña, o Instituto de Investigación Sanitaria La Fe da Comunidade Valenciana e a Fundación Rioja Salud.

Doutra banda, no proxecto liderado polo especialista e responsable do Servizo de Anatomía Patolóxica, Alberto Veiga Barreiro, o papel deste Servizo é a selección de casos; a creación de banco de imaxes; a etiquetaxe e clasificación, xeración de “Ground Truth”; e o desenvolvemento, avaliación e validación de algoritmo. Para isto xa conta cun escáner, o primeiro que foi instalado en Galicia con estas características, que dixitaliza as probas de Anatomía Patolóxica. Do mesmo xeito que no caso anterior, as ditas imaxes serán analizadas a través da rede federada  polo hospital Vall d'Hebrón de Barcelona e a Fundación para o Fomento da Investigación Sanitaria e Biomédica da Comunidade Valenciana. 

Estes bancos de imaxes, xunto cos grandes volumes de datos clínicos, incorporaranse á Rede de Aprendizaxe Federada para o adestramento de modelos Machine Learning de datos distribuídos na investigación de patróns e biomarcadores a través de imaxes biomédicas, e coa finalidade de realizar deteccións en fase inicial de cancro de próstata, e para a análise de forma automática de exames de retina na realización de cribados.

Proxecto nacional federado en rede

O proxecto Tartaglia para facilitar e fomentar a investigación clínica e sanitaria conta cun orzamento total de máis de 9,1 millóns de euros, e implica a 16 entidades, entre centros sanitarios o prestadores de saúde, centros de investigación e empresas. No caso de Galicia, como xa se dixo, está implicada a Consellería de Sanidade a través da Área Sanitaria de Ferrol e da ACIS. O proxecto enmárcase dentro do Programa Misións de I+D en Intelixencia Artificial, da Axenda España Dixital 2025, e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, financiado pola Unión Europea a través dos fondos do Plan de Recuperación Resiliencia e Transformación. En definitiva, a análise e clasificación previa de imaxes das distintas patoloxías relacionadas con elas na que xa se esta a traballar, fará que posteriormente a intelixencia artificial permita anticipar e actuar de maneira temperá e efectiva ante as principais enfermidades que se acollen neste proxecto. 

Con esta iniciativa, indican dende o soporte técnico recentemente incorporado, “a Área Sanitaria de Ferrol e a ACIS forman parte activa deste proxecto pioneiro de investigación sanitaria que pretende posicionar ós nosos investigadores á fronte da innovación en Intelixencia Artificial en Europa, impulsando a conectividade e interoperabilidade entre rexións para os servizos de saúde dixital, así como para a interconexión con outros proxectos europeos”.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde