A XUNTA ULTIMA O TRASLADO PROVISIONAL DOS SERVIZOS ADMINISTRATIVOS DO CHUAC A EXPOCORUÑA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 04 2024

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, visitou hoxe as obras de adaptación de EXPOCoruña para o traslado provisional do persoal da xerencia e das oficinas administrativas do Complexo Hospitalario Universitario da cidade herculina. Na visita, estivo acompañado polo director xerente de EXPOCoruña, Andrés Fernández Calderón, e polo xerente da área sanitaria, Luis Verde Remeseiro. 

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, o Sergas consignou unha partida de 1,6 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para proceder cuns traballos que implican o cambio de situación temporal dos postos de traballo de preto de 120 profesionais desta área sanitaria.

Con motivo da demolición do inmoble que alberga na actualidade o Hotel de Pacientes do hospital coruñés, a Xunta e EXPOCoruña referendaron en novembro do pasado ano un convenio de colaboración, no que se define a cesión de espazos físicos ao Sergas co obxecto de emprazar as unidades que se encargan de diversas funcións administrativas do hospital coruñés. Ao respecto, o conselleiro agradeceu a EXPOCoruña a súa colaboración, que permite ao Sergas adiantarse ao desenvolvemento dunha actuación que necesariamente fai que estes profesionais modifiquen temporalmente a localización do seu posto de traballo.

O conselleiro dixo que a execución destes traballos durará como máximo sete meses e posibilitarán avanzar coas obras de demolición do Hotel de Pacientes, necesarias para construír o anel perimetral que bordeará o Novo CHUAC. 

Optimización da luz natural

O recinto de EXPOCoruña, a onde se trasladarán temporalmente os servizos administrativos do hospital universitario coruñés contan, -sinalou Comesaña-, coas condicións de infraestrutura e capacidade que se precisan para levar a cabo as tarefas dos servizos da administración sanitaria, tendo unha localización estratéxica e próxima ao centro sanitario.

Trátase, -proseguiu o conselleiro-, de postos de traballo abertos nos espazos existentes con dobre altura e preto das fachadas, o que permite optimizar a luz natural, e están dotados cun sistema independente de climatización para frío e calor e ventilación.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que este traslado é un novo chanzo que demostra que a obra para o Novo CHUAC non para. Así, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa na parcela onde se levantará a torre polivalente, o primeiro edificio do futuro hospital público da Coruña, e na construción do aparcamento provisional, que se adiantará para dar servizo durante as obras.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde