RUEDA DESTACA QUE GALICIA É A PRIMEIRA COMUNIDADE EN INICIAR AS OBRAS DO SEU CENTRO DE PROTONTERAPIA, SITUÁNDOA Á VANGARDA NO TRAMENTO CONTRA O CANCRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 04 2024


O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia é a primeira Comunidade en iniciar as obras do seu Centro de Protonterapia, situándoa á vangarda no tratamento contra o cancro. 

Aínda que os traballos para a posta en marcha desta nova infraestrutura arrancaron o pasado xaneiro coa habilitación dun novo aparcadoiro para os profesionais do Hospital Clínico Universitario de Santiago, e os traballos previos para os accesos necesarios, hoxe iniciáronse as tarefas de escavación e cimentación do novo edificio. Durante unha visita ás obras, Rueda resaltou que Galicia “será a primeira en ofrecer servizo aos pacientes da comunidade e doutras autonomías como Asturias e Castela e León”.

A previsión, tal e como explicou o presidente, “é que a mediados de 2026 xa se estea tratando a pacientes”. As obras estruturais -ás que se destinan 19,8 millóns de euros- vanse estender durante 15 meses e logo farían falta varios meses para levar a cabo a instalación e reaxuste dos equipos de protonterapia (ciclotróns). Neste senso, insistiu na importancia tanto da “rápida evolución das obras, sempre en beneficio das familias e dos doentes que reciban o tratamento, coma “dos aparellos de última tecnoloxía.

Galicia vai recibir un dos dez equipos financiados pola Fundación Amancio Ortega ao Sistema Nacional de Saúde co obxectivo de promover a creación de centros específicos para este tratamento de última xeración en toda España.  Durante a súa intervención, Rueda salientou que a protonterapia é unha radioloxía “máis precisa, segura e eficaz” que a convencional, o que permite tratar tumores de difícil acceso, “acurtar os tempos de tratamento e reducir os efectos secundarios”. 

Trátase dunha terapia -indicada especialmente para determinados tipos de tumores pediátricos- que reduce de xeito significativo os tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia convencional é menos efectiva e a cirurxía no é unha opción. 

Características do novo centro

O futuro Centro de Protonterapia de Galicia -que estará situado nas inmediacións do CHUS- vaise estruturar en dous niveis e disporá de tres zonas diferenciadas. En primeiro lugar, un espazo preparado para albergar dous equipos de protonterapia; outra zona destinada ao diagnóstico por imaxe e unha terceira área para consultas, salas de espera e espazos para a investigación. En total, o edificio contará con máis de 3.600 metros cadrados que chegarán aos 6.000 contando os espazos exteriores.

Galicia, referente en Oncoloxía

Por último, Rueda resaltou a aposta da Xunta por facer de Galicia un referente na abordaxe de patoloxías coma o cancro desde o diagnóstico ata o tratamento. Nesta liña, insistiu na importancia de  “ser pioneiros en tratamentos oncolóxicos, tanto en prevención, -a través dos cribados- como tratamentos para os que xa contan cun diagnóstico da enfermidade”. Ademais, destacou a aposta por ofrecer os tratamentos máis innovadores e por deseñar fármacos desde Galicia, o que poderá facerse este mesmo ano a través do novo centro de medicamentos CAR-T que abrirá as súas portas en Santiago. O apoio das administracións, explicou, é imprescindible para estar a tempo e cos mellores tratamentos. Por iso, “seguiremos desenvolvendo unha Sanidade de calidade. Galicia estará á cabeza en menos de dous anos nun tratamento pioneiro”, destacou o presidente da Xunta.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde