ADOS INVITA AO PERSOAL SANITARIO E USUARIOS A PARTICIPAR NA CAMPAÑA DE DOAZÓN DE SANGUE NO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO DE VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 04 2024

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), invita a toda a cidadanía de Vigo a participar na campaña de doazón de sangue que se celebra o venres 12 de abril, no Hospital Álvaro Cunqueiro.

ADOS e a Xerencia do Hospital Álvaro Cunqueiro queren facilitar o acceso a este acto xeneroso dos traballadores sanitarios deste centro hospitalario, profesionais concienciados da necesidade das doazóns de sangue para levar a cabo o seu gran labor asistencial e que amosan, todos os días, o seu compromiso e bo facer no sistema público de saúde de Galicia.

Iniciativa aberta

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará diante da entrada principal, planta 0, do Hospital Álvaro Cunqueiro das 9:30 ás 14:30 horas, para atender a todas as persoas que desexen doar, de maneira especial aos profesionais sanitarios e usuarios que acudan ao longo da mañá ata este centro hospitalario. 

Así mesmo, nos días previos a esta visita, realizouse unha intensa campaña de información sobre este xesto solidario co obxectivo de incentivar a participación dos profesionais.

Cidade solidaria

O Concello de Vigo situouse como a localidade galega con maior número de doazóns de sangue durante o ano 2023, cunha cifra de 12.741 doazóns, o que representa unha taxa de 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Este índice sitúase tres puntos por riba da recomendación da Organización Mundial da Saúde.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere transmitir o seu sincero agradecemento aos profesionais sanitarios e á dirección do hospital, polo seu compromiso co xeneroso xesto da doazón de sangue, sendo un centro que se ten caracterizado, desde a súa inauguración, pola súa implicación no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde