A XUNTA APOIA A PROMOCIÓN DA SAÚDE E A PREVENCIÓN NA II CARREIRA SOLIDARIA COSTA ÁRTABRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 04 2024

A Xunta súmase á iniciativa solidaria da II Carreira Costa Ártabra, organizada polo Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) e a asociación Boxfit, á que asistirá o próximo 21 de abril a xefa de servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde, Carolina Muñoz, en representación da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Se os hábitos de vida saudables melloran a calidade de vida de calquera persoa, este beneficio multiplícase nas persoas que viven co VIH ao fortalecer o sistema inmunitario, mellorar o estado físico e reducir o risco de depresión.

Por iso, a Consellería de Sanidade apoia esta iniciativa que comparte obxectivos co Plan Obesidade Zero en Galicia, plan para previr o sobrepeso e a obesidade desde unha perspectiva de saúde pública, mediante a promoción dun estilo de vida saudable. De feito, un dos obxectivos do plan é promover a saúde nos barrios e así fomentar a actividade física e o deporte como factor protector fronte ao sobrepeso e a obesidade dando visibilidade aos enormes beneficios que ten para a súa saúde a práctica regular de actividade física e a redución do sedentarismo.

Por outra banda, na meta da proba estará situada a unidade VIHxía móbil, que forma parte do programa piloto financiado pola Consellería de Sanidade a través dun convenio con CASCO. O obxectivo é acercar a problemática do VIH e as infeccións de transmisión sexual á poboación moza, a través de información, material de protección gratuíto e mesmo coa realización de probas rápidas orais para detectar VIH e Hepatite C de forma anónima.

A detección precoz é fundamental, sobre todo na infección polo VIH ou pola Hepatite C xa que non ocasionan síntomas evidentes nos primeiros estadios. As persoas permanecen infectadas longo tempo ata o diagnóstico, ocasionándolles un dano moi importante á súa saúde e, asemade, facilitando a continuación da cadea epidemiolóxica de transmisión destas infeccións a outras persoas. 

A Xunta segue a promover o uso do preservativo, masculino ou feminino, como práctica de sexo seguro para evitar infeccións, posto que o 80% dos casos de infección de VIH se transmite por medio de relacións sexuais.

Ao abeiro do programa VIHxía móbil, coordinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, desde o pasado verán CASCO realizou máis de 1.000 tests e proporcionou máis de 2.000 preservativos, xunto a material divulgativo. As probas facilitáronse en horario nocturno en zonas de ocio da Coruña e provincia. Preto dun 80 % das persoas participantes non fixeran nunca unha proba rápida de detección do VIH nin da Hepatite C. E como resultado dos tests realizados, detectáronse dous reactivos a VIH e outro en Hepatite C que, para a súa confirmación, foron derivados a centros de saúde. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde