A XUNTA ELOXIA AS VOCACIÓNS CIENTÍFICAS QUE PROMOVE O CONCURSO REIMAXINA A CIENCIA NO QUE PARTICIPARON MÁIS DE 1.500 ESTUDANTES GALEGOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 04 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no salón de actos do edificio administrativo do Sergas, fixo entrega do premio da gala Reimaxina a Ciencia, evento impulsado por Novartis, Big Van Ciencia, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e as Fundacións públicas galegas de investigación sanitaria de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. 

O proxecto gañador foi obra de Elba Belmonte García, Claudia Seco Rossi e Manuela Souto Queiro do IES Agra do Orzán (A Coruña). Previamente o conselleiro de Sanidade animou os máis de 1.500 alumnos e alumnas a seguir traballando  porque “vexo ante min moito talento e o voso talento é a nosa esperanza para un mundo mellor”. Na busca das mellores solucións para as enfermidades dos pacientes, a Xunta destina este ano máis de 43 millóns de euros a financiar o labor das tres fundacións públicas sanitarias.

No acto, foron presentados tamén os cinco vídeos finalistas restantes sobre ensaios clínicos dos centros educativos Seminario Menor da Asunción (Santiago de Compostela), IES de Brión e CPI de Atios (Valdoviño). 

Reimaxina a Ciencia tenta achegar a ciencia e a tecnoloxía dunha maneira amena e divertida á xuventude, ademais de fomentar vocacións científico-tecnolóxicas, así como impulsar oportunidades profesionais na contorna da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas. O programa realízano profesionais da ciencia a nivel nacional adheridos á Asociación The Big Bang Theory (Big Van Ciencia) que, dende 2013, efectúan actividades por toda España tratando de explicar a ciencia a través de espectáculos en teatro, radio, televisión, e publicacións.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde