O SERGAS COBRE TODAS AS PRAZAS DE FACULTATIVOS OFERTADAS POR CONCURSO DE MÉRITOS PARA 174 POSTOS DE DIFÍCIL COBERTURA NOS HOSPITAIS COMARCAIS E EN SAÚDE MENTAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 04 2024

A partir de mañá, tras publicar hoxe o seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, vanse incorporar 174 novos facultativos a postos de difícil cobertura a través do sistema de concurso de méritos, que lles permite ter acceso á condición de persoal estatutario fixo sen necesidade de realizar os exames propios dunha oposición, e valorando principalmente a súa experiencia previa, formación e publicacións. 

Este proceso realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura. Desta forma, pioneira no Sistema Nacional de Saúde, o proceso selectivo resolveuse en menos dun ano. 

Con esta convocatoria, na que se cubriron todas as prazas ofertadas, reforzarase a asistencia á poboación nos hospitais comarcais, con 93 profesionais de diversas especialidades. Estes profesionais incorporaranse aos hospitais de Cee (6 especialistas), Barbanza (10 especialistas), A Mariña (16 especialistas), Monforte de Lemos (20 especialistas), Valdeorras (16 especialistas), Verín (14 especialistas) e O Salnés (11 especialistas), por resolución do 17 de abril da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas.

Tamén se reforza moi especialmente o ámbito da saúde mental, con 81 novos especialistas (44 psiquiatras e 37 psicólogos). Estes profesionais incorporaranse nas sete áreas sanitarias coa seguinte distribución: 16 na área da Coruña e Cee (10 psiquiatras e 6 psicólogos); 8 na de Ferrol (3 psiquiatras e 5 psicólogos); 14 na de Santiago de Compostela e A Barbanza (8 psiquiatras e 6 psicólogos); 10 na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos (6 psiquiatras e 4 psicólogos); 5 na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (1 psiquiatra e 4 psicólogos); 19 na área de Vigo (11 psiquiatras e 8 psicólogos) e, finalmente, 9 na área de Pontevedra e O Salnés (5 psiquiatras e 4 psicólogos).

Os especialistas nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada, é dicir, ata o 23 de maio. O Sergas ten previsto un procedemento para que, se algún facultativo non se incorpora, se poida seleccionar a novos aspirantes.

Con esta nova resolución, e tras a recente incorporación de novo persoal fixo médico e pediatra de atención primaria, e pediatra de atención hospitalaria, a Xunta de Galicia continúa a traballar na execución da Lei 2/2022, para paliar o déficit de profesionais sanitarios en determinados ámbitos e garantir a asistencia sanitaria a toda a poboación galega.

Estabilización de médicos de urxencias e especialistas

Por outro lado, o DOG hoxe publica​ a resolución do 15 de abril pola que se declaran as persoas admitidas e as súas puntuacións provisionais para as categorías de médico de urxencias hospitalarias e en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área. 

Neste proceso de estabilización que o Sergas desenvolve por concurso de méritos resultaron admitidas 1.735 persoas a facultativo especialista de área e 186 na categoría de médico de urxencias, que é a que conta cun maior número de aspirantes. A continuación, 118 participantes foron admitidos na especialidade de medicina interna e 98, en pediatría e as súas áreas específicas.

Ofértanse 32 prazas para médico de urxencias e 343 para as especialidades de alergoloxía, análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, cirurxía xeral e aparello dixestivo, dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, farmacoloxía clínica, hematoloxía e hemoterapia, inmunoloxía, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, oncoloxía radioterápica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría. 

Contra os resultados da baremación provisional, as persoas admitidas dispoñen de 10 días hábiles para presentar reclamacións, é dicir, do 24 de abril ao 8 de maio.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde