O CONCURSO DE MÉRITOS DO SERGAS PARA PRAZAS DE DIFÍCIL COBERTURA CONSEGUE CAPTAR 16 PROFESIONAIS DE ESPAÑA, PORTUGAL, FRANCIA E SUECIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 04 2024

O Servizo Galego de Saúde consegue incorporar para postos considerados de difícil cobertura 24 facultativos que non estaban a traballar na sanidade pública galega actualmente, dos que 16 exercían en Suecia, Francia, Portugal e nas comunidades autónomas de Asturias, Cataluña, Madrid e Canarias. Polo que se captan profesionais de fóra de Galicia, de centros privados e doutras entidades.

Así se desprende do informe sobre a adxudicación de postos de difícil cobertura nos hospitais comarcais e no ámbito da saúde mental elaborado pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas do que hoxe tomou conta o Consello da Xunta. Neste informe recóllese a resposta que o Goberno galego desenvolveu á dificultade de cubrir determinadas prazas de especialistas médicos en hospitais comarcais e de facultativos especialistas en psicoloxía clínica e psiquiatría no ámbito da saúde mental.

Por medio da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, impulsada polo Goberno galego, o Sergas convocou un proceso selectivo por concurso de méritos co que incorporar profesionais valorando como méritos a experiencia, a formación académica e continuada e, entre outras, publicacións científicas. Desta forma, desde a convocatoria do proceso en maio de 2023 sen necesidade de exame, a Xunta cubrirá en menos dun ano as 174 prazas ofertadas.

Como mostra da axilidade do proceso e do seu atractivo, foron presentadas 827 solicitudes de participación (238 na área de saúde mental e 589 no resto de especialidades convocadas). 

Despois da publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, desde o 24 de abril ata o 23 de maio incorpóranse 93 profesionais de diversas especialidades a hospitais comarcais e, no ámbito da saúde mental, 44 psiquiatras e 37 psicólogos. Na actualidade xa tomaron posesión nas súas prazas 98 profesionais nas sete áreas sanitarias (6 en Ferrol, 17 na área da Coruña e Cee, 11 en Santiago de Compostela e Barbanza, 25 en Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 18 en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 14 en Vigo e 7 en Pontevedra e O Salnés).

En concreto, nas sete áreas sanitarias os destinos da área de saúde mental distribúense en 16 na área da Coruña e Cee (10 psiquiatras e 6 psicólogos); 8 na de Ferrol (3 psiquiatras e 5 psicólogos); 14 na de Santiago de Compostela e A Barbanza (8 psiquiatras e 6 psicólogos); 10 na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos (6 psiquiatras e 4 psicólogos); 5 na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (1 psiquiatra e 4 psicólogos); 19 na área de Vigo (11 psiquiatras e 8 psicólogos) e, finalmente, 9 na área de Pontevedra e O Salnés (5 psiquiatras e 4 psicólogos).

En canto aos facultativos especialistas de área para reforzar a asistencia á poboación nos hospitais comarcais, estes profesionais incorporaranse aos hospitais de Cee (6 especialistas), Barbanza (10 especialistas), A Mariña (16 especialistas), Monforte de Lemos (20 especialistas), Valdeorras (16 especialistas), Verín (14 especialistas) e O Salnés (11 especialistas). 

O 70 % das persoas nomeadas neste proceso selectivo son facultativas (112 mulleres e 52 homes).

A convocatoria do Sergas prevé un procedemento que, en caso de que algún profesional nomeado non se incorpore ao servizo activo en prazo, a Administración poida seleccionar novos aspirantes atendendo á puntuación resultante da lista definitiva. Desta forma, garántese a máxima cobertura de postos claves con incorporación inmediata de persoal estable.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde