A XUNTA INVISTE UN TOTAL DE 22,7M€ NA CONTRATACIÓN DO TRANSPORTE SANITARIO TERRESTRE NON URXENTE E HOSPITALARIO URXENTE DAS ÁREAS SANITARIAS DA CORUÑA E VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 04 2024

O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación dos servizos de transporte sanitario terrestre non urxente (ambulatorio e hospitalario) e o hospitalario urxente da área sanitaria da Coruña e Cee, por un importe de licitación de 9.330.598 euros; e da área sanitaria de Vigo, por un importe de 13.464.549 euros, e un período de duración de 24 meses.

A finalidade destes contratos é a consecución dos máximos niveis de eficiencia na prestación deste transporte sanitario, establecendo os protocolos e procedementos que se estimen necesarios para a consecución de tal fin.

Os servizos a realizar serán o transporte interhospitalario para probas e consultas, as altas e ingresos hospitalarios, os traslados urxentes interhospitalarios, os traslados de tratamentos e consultas programadas, e os traslados fóra da Comunidade Autónoma como consecuencia da asistencia sanitaria en centros referentes a nivel nacional en certas patoloxías, técnicas ou tratamentos.

Son os criterios médicos os que determinarán mediante prescrición que pacientes son os usuarios das ambulancias asistenciais ou non asistenciais e as características técnicas e o equipamento sanitario preciso en función das necesidades do doente.

391.000 servizos anuais 

O número de servizos estimados totais na contratación deste servizo é de 391.000 anuais, dos que 260.000 son da área de Vigo e 131.000 da de Coruña e Cee. 

Cómpre remarcar nestes contratos a inclusión das melloras das condicións económicas dos traballadores de acordo co V Convenio colectivo galego de transporte sanitario que inclúe actualizacións dos salarios (13% para os anos 2023, 2024 e 2025), ademais de redución horaria de 8 horas en 2024 e outras 16 horas en 2025. Asi mesmo, contémplase un aumento das dietas, do plus de transporte, e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.

Sinalar, así mesmo, que nas contratacións establécese a obrigatoriedade do cumprimento do convenio colectivo galego de transporte sanitario, así como ofrecer aos traballadores un emprego estable e de calidade, ademais de protexelos fronte aos accidentes e riscos laborais, asegurando todas as medidas de protección e prevención, proporcionando o subministro de equipos necesarios e promovendo condicións de conciliación familiar e laboral e de igualdade de xénero.

Todos os servizos de transporte sanitario dos pacientes destas áreas sanitarias deberán realizarse no menor tempo posible, pola ruta máis adecuada e nas mellores condicións técnico-sanitarias e de confort para os doentes. Para conseguir este obxectivo, as empresas adxudicatarias deberá levar a cabo xuntanzas periódicas co servizo designado polo Sergas co fin de planificar as rutas máis idóneas.


Ditas rutas adaptaranse en función das localidades e domicilios dos pacientes e aos horarios de recollida, tratamentos e presenza dos enfermos nos centros sanitarios e a localización dos mesmos.


Cada unha das ambulancias notificará vía telemática, a tempo real, todos os cambios de estado e os tempos solicitados. A comunicación dos pacientes trasladados realizarase mediante un sistema de lectura da tarxeta sanitaria, no suposto de que non poda utilizarse este sistema, os datos do paciente deberán de ser mecanizados igualmente.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde