A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE PROMOVE UNHA NOVA CAMPAÑA ESPECIAL EN COLABORACIÓN CO RÍO BREOGÁN A FAVOR DA DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 05 2024

A Axencia de Doazón de órganos e  Sangue (ADOS) e o Río Breogán presentaron esta mañá a campaña que as dúas entidades, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, promoverán durante as vindeiras xornadas na cidade de lucense. A directora de ADOS, Marisa López García, agradeceu ao Río Breogán e á Deputación Provincial de Lugo a constante e dilatada cooperación de ambas institucións co xeneroso xesto da doazón.

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, neste caso, está a impulsar o Río Breogán e a Deputación Provincial de Lugo, xa que poden unir os valores positivos do ámbito deportivo á nosa mensaxe e transmitila con maior proximidade por ter un amplo calado social.

Marisa López trasladou ao Río Breogán os seus mellores desexos para este remate de tempada no que o equipo lucense compite na máxima categoría do baloncesto español. Así mesmo, a directora de ADOS agardou que os bos resultados deportivos acompañen ao club nesta recta final do campionato de liga da ACB.

No acto tamén interviron Efrén Castro Caloto, vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo e delegado da Área de Deportes desta institución, e José Antonio Díaz López -Tito Díaz-, director xeral do Río Breogán.

Reparto de entradas 

Dentro das iniciativas que está a realizar o Río Breogán xunto con ADOS, salientar que o 2 e 3 de maio agasallarase ás persoas que acudan a doar sangue ata a unidade móbil de ADOS, con invitacións para poder presenciar gratis o partido que enfrontará ao Río Breogán co MoraBanc Andorra o venres 10 de maio, ás 20:00 horas, ata rematar o número de entradas dispoñibles. 


As persoas que desexen participar nesta iniciativa solidaria, poden achegarse ata a unidade móbil de ADOS, que estará estacionada na Praza Maior de Lugo o xoves 2 de maio, de 15:30 ás 21:00, e o venres día 3, de 9:30 ás 14:30 e de 15:30 ás 21:00 horas.

Ao longo da xornada do xoves, está previsto que membros da directiva, do corpo técnico e de xogadores do club lucense, acudan á unidade móbil de ADOS para saudar aos doantes.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer sinceramente a todos os membros do Río Breogán (directiva, corpo técnico, xogadores...) a súa especial sensibilidade en torno a doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso, desde hai anos, para impulsar este xesto solidario en Lugo, agardando que coa súa contribución, esta provincia acade os niveis de doazón que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Unha unidade móbil de ADOS visitará nestes días as seguintes zonas da cidade de Lugo: 


DATA

ZONAS

Xoves

2 de

maio

EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA (LUGO)
09:30-14:30
UNIDADE MÓBIL NA RONDA DA MURALLA 63

PRAZA MAIOR
15:30-21:00
UNIDADE MÓBIL

NO FONDO DA PRAZA MAIOR

Venres

3 de

maio

PRAZA MAIOR
09:30-14:30 15:30-21:00
UNIDADE MÓBIL

NO FONDO DA PRAZA MAIOR

Sábado

4 de

maio

Bº A MILAGROSA
10:00-15:00
UNIDADE MÓBIL

NA ENTRADA DO PARQUE A MILAGROSA(AVDA DA CORUÑA)

Obxectivo de sensibilización

Esta campaña tenta permitir un aumento na sensibilización social a prol da doazón de sangue e incrementar a actual taxa de doazón de Lugo. No pasado ano 2023, a cidade de Lugo acadou 3.093 doazóns, cifra que supuxo a obtención dun índice de 31 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. 

Este índice sitúase por baixo da media galega polo que o obxectivo de ADOS pasa por incrementar o volume de doazóns de sangue e acadar que tanto a cidade de Lugo como a provincia se acheguen progresivamente á media de doazón recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde