O PROGRAMA PIONEIRO DE INMUNIZACIÓN FRONTE AO VIRUS RESPIRATORIO SINCITIAL DA XUNTA EVITOU A HOSPITALIZACIÓN DE 400 LACTANTES MENORES DE 6 MESES E ACADA UNHA EFECTIVIDADE DO 82%
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 05 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou esta mañá os resultados da campaña de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), un programa co que o Executivo galego evitou a hospitalización de 400 lactantes menores de 6 meses, e que acada unha efectividade do 82%.  

Na súa intervención, Antonio Gómez Caamaño destacou o carácter pioneiro dun programa que sitúa á saúde pública galega como referente a nivel mundial no eido das inmunizacións, ao ser a primeira en incorporar ao seu calendario de vacinación o anticorpo monoclonal que fai fronte a unha das principais infeccións respiratorias que padecen os recen nados. 

“Fomos a primeira Comunidade do mundo en incorporar a inmunización fronte ao VRS”, salientou o responsable da Sanidade galega, quen ademais lembrou que esta infección provocaba, até o de agora, o ingreso hospitalario dun de cada 56 lactantes. Grazas a esta campaña de vacinación infantil, incidiu, “logramos que por cada 25 lactantes vacinados se evite unha hospitalización”.

Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e polo xefe de Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Federico Martinón, o conselleiro de Sanidade sinalou que os resultados da campaña de inmunización fronte ao VRS en Galicia son “un logro e un éxito sanitario de toda a comunidade”. Así, destacou que desde o seu inicio, o pasado 25 de setembro, e até o 31 de marzo, a Sanidade galega xa inmunizou a un total 13.505 nenos e nenas galegas.

“A mellor cura é a prevención é a anticipación” remarcou Caamaño, ao tempo que agradeceu a colaboración dos pais e das nais galegas na protección da saúde dos máis pequenos.

O Virus Respiratorio Sincitial (VRS) provocaba en Galicia entre 800 e 1.000 hospitalizacións anuais (datos prepandemia), producíndose o 75% das mesmas en lactantes menores dun ano. 

O calendario de vacinación máis completo do mundo

Galicia conta na actualidade co calendario de vacinación máis completo do mundo, tras incorporar a vacina 20-valente fronte á pneumococo e a vacina do herpes zoster no calendario de adultos; ou as vacinas contra a meninxite B, o rotavirus, virus do papiloma humano (VPH), a gripe e a inmunización contra o Virus Respiratorio Sincitial en lactantes (VRS) no calendario infantil.

Sobre este particular, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, puxo en valor o éxito desta campaña de inmunización, “un trunfo da poboación galega” pois acadou unhas coberturas do 92,3% nos meniños nados en campaña, do 100% nos nenos e nenas de alto risco, e até o 84,8% no procesos de recaptación de menores nacidos desde o 1 de abril de 2023.  Así, explicou que a efectividade de nirsevimab acada o 87% e consegue reducir nun 90% os ingresos hospitalarios.

Pola súa banda, o xefe do servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón, achegou a información e os datos de tipo académicos que se desprenden dos primeiros 6 meses  de administración deste anticorpo monoclonal fronte ao VRS, destacando que nirsevimap reduce entre un 82 e 87% os ingresos por VRS; entre o 86 e o 90% os ingresos por infeccións respiratorias severas, e case nun 70% o risco de hospitalización por calquera tipo de infección respiratoria.

Martinón explicou que a colaboración entre a Consellería de Sanidade e o seu equipo de investigación, estenderá o seu estudo sobre o impacto do Virus Respiratorio Sincitial na poboación galega durante os vindeiros 3 anos, destacando que a incorporación do anticorpo a calendario vacinal galego foi recollido por prestixiosas publicación sanitarias, como Lancet Infectious Diseases, e que será replicado por outros países, como é o caso de Chile ou os Países Baixos.

A Xunta de Galicia manterá durante 2024 a súa aposta por situar a Sanidade galega na vangarda da prevención, destinando un investimento de preto de 40 millóns para o programa de vacinación galego.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde