POMPÓNS, PANTALLAS E OS CINCO PASOS BÁSICOS NO DÍA MUNDIAL MUNDIAL DA HIXIENE DE MANS NO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 05 2024
 

A Área Sanitaria de Ferrol súmase hoxe un ano máis á conmemoración do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra o vindeiro domingo 5 de maio, e realizou moi diversas actividades durante esta xornada. O lema deste ano é: Por que segue a ser tan importante compartir coñecementos sobre a hixiene de mans? Porque axuda a deter a propagación de xermes daniños na atención médica. A asistencia sanitaria e un ámbito no que se poden producir infeccións, e é por iso que a OMS lembra que o lavado de mans é a mellor opción para previr a propagación de xermes, e así combater calquera virus respiratorio e enfermidades gastrointestinais. Unha de cada cinco infeccións respiratorias e unha de cada tres enfermidades diarreicas pódense previr cun axeitado lavado de mans, por iso é preciso insistir na relevancia de efectuar a hixiene das mans, cunha técnica correcta, nos momentos axeitados.

Existen cinco momentos que esta mañá profesionais de Medicina Preventiva, Esterilización, e Calidade, Cristina da Silva, Mari Aramburu e Silvia López, amosaban no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e polos andares de hospitalización. Estes cinco momentos son antes do contacto co paciente, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente. 

Aula Hospitalaria e lámpada de luz no día da Hixiene de Mans

A Área sanitaria ferrolá sempre incide na importancia da hixiene de mans para evitar infeccións neste día, e esta mañá, unhas mans xigantes tanto no Hospital Arquitecto Marcide como no Naval do Complexo recordaban este transcendental acto. A Aula Hospitalaria da Área Sanitaria de Ferrol tamén se sumaba a este día cun experimento: Isto pasa cando lavas as mans. “Realizaremos un experimento con auga, pementa e xabón para poder observar e comprobar que é o que ocorre cando lavamos as mans e, polo tanto, sinalar a importancia desta acción. Xunto con isto, elaboraron tamén unha bolsa sensorial para limpar as mans, con xel e pompóns. “Nela debuxamos as mans dos nenos e nenas, que deberán limpar sacando os pompóns, que representan os virus e bacterias”, contaba a mestra Sheyla Martínez. Cantaron os pasos do lavado co baile das mans, traballando a importancia de lavar as mans e a forma en que se debe facer a través dunha canción que reproduce a secuencia dun correcto lavado de mans. 

Por outra banda, nesta mesma xornada conmemorativa, Enfermaría do Servizo de Medicina Preventiva e a Supervisora de Esterilización e Medicina Preventiva realizaron demostracións nas diferentes unidades e servizos do hospital. Ademais, con solución marcadora e lámpada de luz negra, puideron dar conta de como é un bo lavado de mans, no corredor principal do Hospital Arquitecto Marcide, onde situaron unha mesa grande con botellas de solución alcohólica. Estes sanitarios empregaban con quen o desexara o lavado de mans con solucións marcadoras e lámpada de luz negra, un sistema que comproba posteriormente ó lavado de mans o resultado dese lavado, e se foi correcto ou non.

A Hixiene de mans no ámbito sanitario

Os profesionais sanitarios están activamente comprometidos xa durante todo o ano en evitar infeccións ou dano, e realizan unha axeitada hixiene das mans nos cinco momentos recomendados durante a asistencia, xa mencionados, e que tamén figuran no cartel deseñado pola Unidade de Calidade para esta ocasión, situado no fondo de pantalla dos ordenadores de tódolos traballadores e traballadoras da Área Sanitaria.

Enténdese por hixiene de mans un proceso que ten coma obxectivo reduci-lo número de microorganismos que hai na pel das mans. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans; e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans. Neste día sempre se destaca que “a hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reduci-la transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto”. Hoxe pódese enfatizar máis que nunca o feito de que “unha correcta hixiene de mans salva vidas”. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde