GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA O ESFORZO DA XUNTA PARA INCORPORAR COA MAIOR AXILIDADE E RIGOR CIENTÍFICO AS NOVAS TECNOLOXÍAS SANITARIAS EN BENEFICIO DOS PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 05 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o esforzo da Xunta para incorporar coa maior axilidade e rigor científico as novas tecnoloxías sanitarias en beneficio de acadar unha prestación eficiente e de maior calidade aos pacientes. 

Así o subliñou na celebración do 25 aniversario da Unidade de Asesoramento Científico-Técnico Avalia-t, na que estivo acompañado polo xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, e a xefa desta unidade, María José Faraldo. 

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria puxo en valor a actividade desta unidade, esencial para a toma de decisións, xa que é a encargada de avaliar as tecnoloxías sanitarias e o seu impacto organizativo, económico e social. 

Gómez Caamaño sinalou que “a intensa produción” da unidade de asesoramento científico Avalia-t permite “escoller e implementar as tecnoloxías que máis beneficios acheguen á saúde das persoas e, á vez, contribúan á sustentabilidade do sistema”. 

Tal e como detallou o conselleiro, a través do traballo desenvolvido por esta unidade ponse á disposición de todos os actores do sistema sanitario “información baseada na evidencia científica, consistente e fiable, para que a toma de decisións en todos os niveis sexa informada e garante da seguridade e eficiencia da tecnoloxía, contribuíndo, deste xeito, ao seu uso apropiado e á calidade na asistencia”.

Actividade da axencia

Desde o ano 1999, Galicia conta con esta unidade que é a responsable de avaliar a información científica dispoñible sobre a eficacia, a efectividade, a seguridade, e a eficiencia das tecnoloxías sanitarias, ademais de valorar o seu impacto sanitario, organizativo, económico e social.

Nestes 25 anos de existencia, Avalia-t realizou case douscentos informes de avaliación e consultas técnicas, outros tantos de tecnoloxías emerxentes ou de asesoramento, trece guías de práctica clínica, trece documentos metodolóxicos e preto de cen artigos científicos. 

Todo este labor fíxose dentro da colaboración coa Comisión de tecnoloxías de Galicia e integrándose na rede de axencias de avaliación do Sistema Nacional de Saúde. Ademais, Avalia-t está a ter un importante protagonismo en proxectos de colaboración europea en materia de avaliación de tecnoloxías emerxentes.

Pasados estes 25 anos, Gómez Caamaño dixo que o compromiso da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde coa toma de decisións informada e baseada en evidencias científicas continúa e, ao respecto, “a Estratexia Galega de Saúde 2030 entende e recoñece expresamente o papel de Avalia-t como instrumento esencial de avaliación das tecnoloxías sanitarias”. 

“O uso dos informes desta unidade contribúen a que os avances tecnolóxicos que cheguen aos pacientes sexan os que teñen máis valor, contribuíndo á equidade e á mellora da eficiencia e sostibilidade do noso sistema de saúde”, concluíu.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde