A XUNTA DESTINA MÁIS DE 550.000 EUROS Á LICITACIÓN DE SEIS ECÓGRAFOS CON DESTINO ÁS UNIDADES DE REPRODUCIÓN ASISTIDA DO SERGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 05 2024
 

O Servizo Galego de Saúde vén de publicar no Portal de contratación da Xunta un novo expediente de licitación para o subministro de seis ecógrafos, con destino ás Unidades de Reprodución Humana Asistida do Sergas. O Executivo galego consignou unha partida orzamentaria de 559.020 euros para renovar e mellorar o equipamento das tres Unidades coas que conta o sistema sanitario público  de Galicia.

Así, as Unidades de Reprodución Humana Asistida das áreas sanitarias da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, disporán cada unha delas de dous novos equipos para mellorar os prognósticos e o seguimento dos seus estudos ecográficos.

Este expediente, enmarcase dentro da estratexia do Executivo autonómico de ampliar a carteira de servizos da Sanidade pública galega, e no obxectivo de optimizar a calidade asistencial que se lle presta as mulleres que realizan este tipo de tratamentos.

Neste senso, a Xunta vai ampliar ata os 45 anos a idade máxima para poder someterse estas terapias, eliminará o límite dun único fillo para poder acceder ás mesmas, e permitirá que as mulleres poidan conxelar os seus óvulos na sanidade pública -sen a necesidade de padecer unha patoloxía previa-.

Máis de 1’3 millóns para a Reprodución Asistida

Este procedemento licitación insírese dentro da partida de 1’3 millóns cos que a Xunta de Galicia reforzará as Unidades de Reprodución Humana Asistida do Sergas, pois tamén investirá 755.645 euros na adquisición de tres incubadoras trigás; tres tanques de conxelación; un microscopio invertido con micromanipulación, e en incorporar por primeira vez tres incubadoras Time-lapse, que contan cunha cámara para evitar extraer os embrións para ser analizados, e do que se incrementan as probabilidades de éxito deste proceso. 

Por outra banda,  os orzamentos da Xunta do ano 2024 reservan unha partida de 257.730 euros para dotar a estas tres Unidades dunha plataforma informática común de traballo e dun sistema electrónico de bioseguridade e rastrexabilidade, co que se evita o risco de erros humanos no manexo de material biolóxico.

Con estes investimentos, o Servizo Galego de Saúde incrementará a capacidade das súas Unidades de Reprodución Asistida, uns servizos que durante 2023 realizaron 599 criotransferencias (implantacións de óvulos previamente conxelados), 984 puncións para fecundacións in vitro, e 1.318 inseminacións artificiais (sexa entre cónxuxes ou por medio de doador). 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde