A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E CRUZ VERMELLA A CORUÑA PROMOVEN A I ANDAINA SOLIDARIA POLA DOAZÓN DE SANGUE “UNHA BOLSA, TRES VIDAS”
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e Cruz Vermella A Coruña desenvolverán este sábado 1 de xuño, a andaina solidaria “Unha bolsa, tres vidas”, que ten como obxectivo concienciar á cidadanía da importancia dun xesto sinxelo e imprescindible a un tempo, para que moitas persoas podan solucionar graves problemas de saúde. 

A I Andaina Solidaria pola Doazón de Sangue é unha iniciativa desenvolvida pola Cruz Vermella de A Coruña que, ao longo dos últimos meses, está a realizar un importante esforzo por distribuír e sensibilizar aos veciños e veciñas da Coruña da necesidade de doar sangue, como o único xeito posible de obter este remedio terapéutico indispensable no día a día do noso sistema sanitario e que só podemos obter grazas á solidariedade dos cidadáns.

O percorrido da andaina principiará ás 11:00 horas partindo da autoridade portuaria da Marina, lugar no que estarán estacionadas dúas unidades móbiles de ADOS das 10:00 ás 15:00 horas, para atender a todas as persoas que desexen colaborar. Ademais, a Axencia disporá dunha mesa informativa con material sobre os distintos xeitos de doazón (sangue, medula ósea, órganos...) que se poden realizar no noso sistema público de saúde e que ADOS está a fomentar entre distintos colectivos da sociedade galega.

Fomentando o altruísmo

Desde a dirección da Axencia, transmitir o sincero agradecemento a Cruz Vermella A Coruña polo seu apoio con esta iniciativa, xa que contribúe á creación dunha cultura social favorable á doazón de sangue. En concreto, o lema de esta campaña, “Unha bolsa, tres vidas”, pretende transmitir á cidadanía que dunha única doazón poden chegar a beneficiarse tres persoas diferentes, xa que os distintos compoñentes sanguíneos (plasma, plaquetas e glóbulos vermellos) adoitan utilizarse por separado. Deste xeito, un único doante posibilita a recuperación de tres doentes.

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, neste caso, está a impulsar Cruz Vermella A Coruña, xa que poden unir os valores positivos do ámbito deportivo á nosa mensaxe e transmitila con maior proximidade por ter un amplo calado social.

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. 

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde