SISTEMAS DE INFORMACIÓN DA ASF, INVITADO A PRESENTAR VIXÍA NUN ENCONTRO DE CALIDADE DE ASTURIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 06 2024
 

​O proxecto Vixía e Actúa desenvolvido por un equipo multidisciplinar do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol é presentado hoxe no XXIV Congreso da Asociación de Calidade Asistencial do Principado de Asturias, co lema novos retos do Sistema Nacional de Saúde: un abismo cheo de oportunidade, no Hospital Vital Álvarez Buylla de Mieres. O subdirector de Sistemas e Tecnoloxías de Información da Área Sanitaria de Ferrol, Javier Quiles del Río, foi invitado a dar conta deste proxecto mediante o que os e as pacientes que tiveran pasado unha síndrome coronaria aguda están aínda máis controlados, xa que se mellora o circuíto asistencial dos mesmos tras esta síndrome. 

Vixía e Actúa é un sistema Intelixente para seguimento de pacientes con Síndrome Coronaria Aguda da Área Sanitaria de Ferrol realizado entre o Servizo de Cardioloxía e o citado departamento de Tecnoloxías, creador da ferramenta informática que permite a detección precoz de pacientes que precisan unha intervención médica. Coa activación deste proxecto, considéranse catro obxectivos principais de estudo: a autoavaliación do procesos asistencia desta síndrome coñecendo a situación a nivel local e determinar indicadores de situación inicial; o desenvolvemento dun sistema intelixente que permita a identificación precoz de pacientes que non teñen realizado o control de LDL-C (nivel de colesterol asociado a esta síndrome); Integración deste sistema automatizado na Historia Clínica (IANUS), que permita unha intervención áxil e precoz dende os diferentes ámbitos hospitalario e primaria; e, por último, a avaliación da mellora obtida no proceso. 

Os implicados no proxecto subliñan a importancia da implicación dos e das profesionais dende distintos ámbitos, tanto no centro de saúde como no hospital, e tanto no eido sanitario, con persoal facultativo e de Enfermaría, como no non sanitario, como os técnicos informáticos, de feito, constituíuse un grupo de traballo multidisciplinar para o desenvolvemento do mesmo.

O punto de partida é a alta prevaleza do infarto de miocardio nesta Área, xa que se producen entre 400 e 450 infartos ó ano; e existe o risco de que estes pacientes presenten un segundo evento cardiovascular ou falezan. Este risco redúcese se o seguimento dos protocolo e dos controis son os axeitados. Un dos primeiros esforzos radicou en crear consultas específicas que permitisen facer un seguimento máis personalizado de acordo a complexidade de cada caso, e protocolizar, coa colaboración do Servizo de Análises Clínicas, os perfís analíticos que requirían este tipo de pacientes para o seguimento; e o seguinte esforzo, integrar ferramentas dixitais que permitan aumentar a seguridade e optimizar os tempos nos distintos pasos da atención á síndrome coronaria aguda, como a que se premia a nivel nacional.

Ferramenta dixital para controlar valores do paciente

Cando un paciente sofre un infarto de miocardio é prioritario reducir o máis axiña posible os niveis de LDL-c, un colesterol vencellado directamente con esta síndrome cardiovascular, para reducir o risco de presentar outro evento cardiovascular. Así, o eixo principal foi a creación e integración na historia electrónica dunha ferramenta dixital que permite a identificación precoz de pacientes con control subóptimo de LDL-c e tamén daqueles que non realizan o control analítico no período de tempo establecido. Outro dos valores tido en conta é a Lipoproteína-A, outro tipo de colesterol “malo” que incrementa o risco de infarto e ictus. Mediante esta ferramenta o médico, de forma inmediata, identifica eses valores, pode facer unha intervención no tratamento sen ter que esperar a cita de seguimento presencial. A clave é medir eses valores, e que exista un control dos mesmos nos distintos chanzos establecidos nunha ferramenta dixital que axuda xa a facer esas deteccións dun xeito más rápido e dinámico, e que advirte de que un paciente non está neses rangos correctos ou non realizou os controis programados. 

Polo tanto, conséguese así que toda a información estea rexistrada nun lugar onde pode ser consultada por tódolos profesionais facultativos e de Enfermaría, e tanto do hospital como do centro de saúde. Mellórase con ferramentas dixitais o seguimento ambulatorio tras un infarto para manter axeitadamente a prevención secundaria ou retomala naqueles pacientes que non fan seguimentos de forma rutineira; mellora a educación sanitaria interniveis e garante un proceso de transición á alta de calidade; e, tamén, establece fórmulas para que o paciente sexa o centro do proceso e poida participar activamente nel.

Resultados que avalan a utilidade do proxecto

Nos pacientes identificados polo sistema, realizouse unha intervención de revisión de historia clínica e/ou unha posterior consulta telefónica, segundo o caso; aproveitouse para realizar unha intervención sobre recomendacións hixiénico-dietéticas; e recordouse a importancia de acadar os obxectivos de prevención secundaria. Serviu esta dinámica igualmente para realizar unha intensificación do tratamento farmacolóxico. Comprobouse tamén que, tras esta intervención, o nivel de LDL-c no conxunto de pacientes en seguimento melloraba de forma significativa.

Este proxecto proxecto Vixía e Actúa desenvolvido por un equipo multidisciplinar do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol presentouse xa noutros foros especializadas, e foi premiado hai uns meses a nivel nacional no XXVII Congreso Nacional de Informática de la Salud, Infors@lud, que se celebraba en Madrid.​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde