O CONSELLEIRO DE SANIDADE SINALA QUE NESTE MES DE XUÑO QUEDARÁN REMATADAS AS OBRAS DE MELLORA REALIZADAS NA ZONA DE PARTOS DO HOSPITAL DE OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 06 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe, no Pleno do Parlamento, que neste mes de xuño quedarán rematadas as obras de mellora realizadas na zona de partos do Hospital Materno Infantil de Ourense, restablecendo así o normal funcionamento desa unidade.

O conselleiro sinalou que esta mesma tarde se comezará a trasladar o equipamento e mobiliario cara a esa zona reparada co obxectivo de que, a finais desta mesma semana, estea de novo en funcionamento.

Detallou que as intervencións levadas a cabo se estenderon un pouco máis do agardado, posto que foi necesario realizar outra actuación adicional para a instalación de gases medicinais, que precisan duns estritos trámites legais de seguridade, manipulación e mantemento, que foi preciso cumprimentar de xeito rigoroso.

Gómez Caamaño sinalou que a actuación de reparación dos falsos teitos implicou, ademais, unha adaptación dos circuítos internos que, na actualidade, están a ser avaliados polo servizo de mantemento e supervisados por Medicina Preventiva do hospital, para o control microbiolóxico dos espazos reformados.

O conselleiro remarcou que esta reordenación dos circuítos asistenciais e a habilitación e posta en marcha de novos espazos foi realizada de xeito dialogado co persoal que traballa na unidade.

Unha vez rematados neste mes de xuño os traballos en curso, e cando estea plenamente operativa esta área, desde o propio servizo de mantemento do hospital continuarase coas actuacións periódicas programadas, tanto na unidade de partos como no resto de instalación do Hospital Materno Infantil.

Tal e como explicou Gómez Caamaño serán labores de revisión e comprobación do estado das estruturas que se realizan de xeito periódico para previr posibles incidencias e garantir a mellor atención aos usuarios e traballadores.

Investimento de máis de 52 millóns de euros

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro resaltou o interese da Xunta por mellorar o actual Hospital Materno Infantil, así como outras instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, como así o acredita a obra que o Executivo galego ten en marcha. A intervención, na que a Xunta inviste máis de 52 millóns de euros engloba a construción dun novo edificio de hospitalización e ambulatorio de 12 plantas, a renovación integral do Materno-Infantil e a mellora dos accesos.

Ao anterior investimento hai que engadir os máis de 8 millóns de euros que a Xunta destina ás obras de ampliación e renovación integral da UCI, co fin de adaptala aos requirimentos xurdidos pola covid.

Na súa intervención, o conselleiro quixo agradecer ás pacientes e aos profesionais sanitarios a súa comprensión ante as molestias que poidan ocasionar as obras e incidiu na vontade absoluta da Xunta por achegar solucións e garantir a mellor atención sanitaria ás usuarias do Materno Infantil. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde