A CONSELLERÍA DE SANIDADE E A USC PRESENTAN A CÁTEDRA QUE ESTUDARÁ O IMPACTO DOS FACTORES AMBIENTAIS NA SAÚDE DA CIDADANÍA GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 06 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor a creación da Cátedra de Saúde Ambiental, da que destacou que “contribuirá a medir con precisión o impacto crecente dos factores ambientais na saúde pública”.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego interveu no acto de presentación institucional desta Cátedra no Colexio Fonseca, acompañado polo reitor da USC, Antonio López; polo director da Cátedra, Alberto Ruano; e pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Gómez Caamaño subliñou que a creación desta Cátedra se aliña totalmente cos obxectivos da propia Consellería de Sanidade, “que pasan pola prevención, a promoción e a protección colectiva da saúde da cidadanía galega” e o desenvolvemento de programas nesta materia.

O conselleiro destacou que esta iniciativa reforza a colaboración entre a administración sanitaria e a universidade, “unha viga mestra do edificio da nosa sanidade pública”.

Incidiu en que “só desde o coñecemento podemos mellorar o coidado da saúde da cidadanía e iso require fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos”. 

O proxecto contribuirá, ademais, a diminuír a carga de enfermidades e identificar novas ameazas que logo se incorporarán aos sistemas de vixilancia de saúde pública.

Actividades da Cátedra

Na súa intervención o conselleiro tamén se referiu ao programa de actividades da Cátedra, que se centrará en buscar activamente novos riscos, factores emerxentes ou contaminantes ambientais que poidan implicar un risco para a saúde, así como a realización de cursos e seminarios que axuden a difundir o coñecemento e a práctica da saúde ambiental. 

“Facer todo o posible para que a poboación non enferme é o mellor xeito de manter unha sociedade sa, un campo no que Galicia avanza de xeito decidido, mellorando e ampliando as políticas de saúde pública na nosa comunidade”, concluíu. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde