DESPEDÍASE ESTA MAÑÁ Ó ALUMNADO DE ENFERMERÍA QUE REALIZARON O SEU PRACTICUM NA ÁREA SANITARIA FERROLÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 06 2024

​Despedíase esta mañá ós 34 alumnos e alumnas de cuarto curso do Grao de Enfermaría tanto da Facultade de Enfermaría e Podoloxía de Ferrol como de Santiago de Compostela, que fixeron o practicum na Área Sanitaria de Ferrol. Foi nun acto no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Neste encontro, estiveron arroupados por cadanseu titor que, de xeito individualizado, supervisa o traballo deste alumnado.  

Este aspecto é unha peculiaridade da formación da Enfermaría nesta Área: a monitorización de cada un destes alumnos e alumnas por parte de profesionais que desenvolven o seu labor na Área Sanitaria de Ferrol. Este seguimento e colaboración estreita, aumenta a calidade na atención e a seguridade do paciente ó darlle continuidade na súa atención. Deste xeito, xa coñecen os espazos nos que desenvolverán o seu labor se así o desexan; de feito, ofrecéuselles continuidade no eido laboral, e xa confirmaron que traballarán nesta Área en torno a 25 das 34 persoas que rematan. 

Como indica a supervisora de Formación Continuada, Marisa Fraga Sampedro, “todo isto non sería posible sen o papel das e dos titores e supervisoras-es, que dun xeito altruísta  adícanlles a súa atención, tempo e experiencia, dun xeito moi xeneroso; estes titores, ademais, están en constante actualización dos seus coñecementos para dar resposta ó alumnado ante posibles dubidas”. E engade, “é unha tarefa que os titores asumen cunha enorme profesionalidade e responsabilidade”.

O alumnado de cuarto curso do grao de Enfermaría realiza unha rotación durante os primeiros meses de curso, no ámbito pediátrico, maternal, de atención primaria, e de críticos. A partir de febreiro, inician o seu practicum, e, neste caso, realízano en distintas áreas de hospitalización médico cirúrxicas (Medicina Interna, Uroloxía, Tocoloxía, Cirurxía, Traumatoloxía, entre outras) e nos servizos de críticos (urxencias, Reanimación e Unidade de Coidados Intensivos). Seguen os mesmos horarios e quendas do seu titor correspondente, polo que a súa formación está vencellada claramente a actividade asistencial na que se inxerirán unha vez rematen o seu grao. Este practicum realízase dende o ano 2012 nesta Área Sanitaria de Ferrol, e ten unha duración de 480 horas en total.

Agradecemento especial ós e ás titoras

No encontro desta mañá de venres, estaban presentes a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; a decana da Facultade de Enfermaría, Enma Rodríguez Maseda; a subdirectora de Enfermaría da Área, Pilar Oceja Gómez; a directora de Procesos de Soporte da Área, Soledad Brage Gómez; e o xefe de estudos e Presidente do Comité de Docencia no ámbito hospitalario, Ramón López de los Reyes.

Tódolos integrantes da mesa coincidiron un ano máis en pór en valor o papel dos e das titoras; e en “abrir as portas para que vos quededes con nós”, iso subliñou a xerente, Fernanda López Crecente, “ímosvos coidar moito”.  A decana, Emma Rodríguez, quixo facer un “recoñecemento público” tanto ós e ás profesionais da Área como ó equipo xestor por “entender as nosas necesidades”. E engadiu, “podemos dicir que formamos ás mellores enfermeiras de Galicia. As circunstancias da Facultade e da Área, o practicum individual, co foco posto en cada un dos noso alumnos, fai que sexa así. Construímos unha fórmula que marca a diferencia”.

Pola súa banda, a subdirectora de Enfermaría, Pilar Oceja Gómez, subliñou o agradecemento por se decantar por “unha das profesións máis bonitas”. E engadiu “temos o poder de coñecer os medos e as inquedanzas das persoas e das súas familias, e o de coidar; pero, para ter un poder, hai que ser responsable”. Invitounos tamén, como a xerente, a se quedar na Área, “queremos que quededes con nós”. E deu “grazas, grazas e mil veces grazas ós titores e profesionais” que fan posible o practicum.

A responsable de Procesos de Soporte, Soledad Brage, recordoulles que “comezan unha etapa marabillosa”, cunha máxima, a da “actualización constante”; e valorou o “traballo en equipo” para conseguir resultados. Pola súa banda, o xefe de estudos, Ramón López de los Reyes, deulles as grazas tamén por “escollernos para facer prácticas e por sumarse “ó obxectivo polo que estamos todos aquí, que é axudar os demais”. Tamén agradeceu o traballo dos titores.

Pero ese agradecemento ás titoras máis emotivo e cariñoso correu a cargo dunha das alumnas, Silvia, en nome de todos e todas as que rematan: ”ter un alumo é unha grande responsabilidade”; e deulles as grazas “ós acolledores equipos sanitarios que formades”, e por “como se traballa cando o ambiente é tan fascinante como nesta Área”. E remataban, grazas “polo inmenso cariño; polo amor pola enfermaría que nos transmitides; pola empatía; e polo esforzo”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde