A XUNTA REFORZARÁ CON DOUS EQUIPOS O PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA DA GUARDA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 06 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzoulle esta mañá ao alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, que a Xunta reforzará con dous novos equipos o Punto de Atención Continuada (PAC) do municipio. 

Durante a xuntanza, na que tamén participaron a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e, de forma telemática, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, Caamaño concretou que o PAC da Guarda pasará a contar con dúas enfermeiras e dous facultativos máis nas vindeiras datas. Así, o primeiro destes médicos incorporarase o próximo 25 de xuño. 

Ademais, e sobre o reforzo asistencial de verán, o conselleiro de Sanidade trasladoulle ao alcalde as medidas incluídas no Plan extraordinario para a cobertura de necesidades de persoal sanitario durante o período estival, que se aprobou este luns no Consello da Xunta. 

Na reunión de traballo mantida esta mañá entre o conselleiro e o alcalde, tamén abordou o impulso do Centro Integral de Saúde da localidade. 

Así mesmo, na reunión abordouse o estado dos trámites municipais para poder cederlle ao Servizo Galego de Saúde os terreos elixidos na zona das Coutadas onde a Xunta construirá o futuro Centro Integral de Saúde. Esta actuación da Xunta suporá duplicar a superficie respecto ao actual centro de saúde, ao pasar de 1.904 m2 a máis de 4.156 m2 e permitirá integrar os servizos de fisioterapia e de saúde bucodental ou a base do 061.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde