​A XUNTA LICITARÁ NO VERÁN A REDACCIÓN DO PROXECTO DE CONSTRUCCIÓN DUN NOVO CENTRO DE ATENCIÓN PRIMARIA NO CONCELLO DE MEIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 06 2024

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, mantivo hoxe no Hospital Provincial de Pontevedra unha xuntanza coa alcaldesa do Concello de Meis, Marta Giráldez e coa concelleira de Servizos Sociais, María Sancho na que, acompañados polo director de Recursos Económicos da área sanitaria, Vicente García e pola directora de Atención Primaria, Itziar Melendo, se analizaron diversas casuísticas e previsións nesta localidade.

No transcurso deste encontro, que da continuidade ao vínculo institucional entre a Xunta e as corporacións locais en materia sanitaria pública, José Flores adiantou a vindeira licitación, no verán, da redacción do proxecto de construción dun novo centro de atención primaria na localidade que, cunha superficie de 972 metros cadrados, substituirá as actuais instalacións sanitarias, empregadas durante os últimos 30 anos.

No transcurso desta xuntanza, lembrouse o plan funcional que recolle a capacidade asistencial que terá o futuro centro de saúde meisense, que disporá de seis consultas de adultos, unha sala polivalente, unha de toma de mostras; área pediátrica con dúas consultas e área da muller cunha consulta de matrona e sala de educación sanitaria.

Continuidade administrativa ao convenio

A vindeira licitación da redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde nesta localidade dá continuidade administrativa ao convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Meis no mes de outubro do ano 2022, que incluía, coma obrigas para o Concello, a cesión patrimonial, libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario da parcela, acordada entre ambas as administracións.

A dita cesión foi completada tras a súa aceptación polo Consello da Xunta na súa xuntanza do 23 de febreiro de 2023.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde