A XUNTA APOSTA POLO DIÁLOGO, A COOPERACIÓN E O ENTENDEMENTO COS PROFESIONAIS PARA ORIENTAR AS POLÍTICAS SANITARIAS NOS VINDEIROS ANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 06 2024

“O diálogo, a cooperación e o entendemento cos profesionais é fundamental para orientar as políticas sanitarias nos vindeiros anos”. Así o manifestou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, no acto de 125 aniversario do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares. 

Na súa intervención, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria indicou que as preocupacións, as inquedanzas e os desafíos que sinalan os colexios oficiais de médicos deben ser coñecidos, compartidos e afrontados polos responsables de xestionar o sistema sanitario. 

Incidiu, nesta liña, en que a Consellería de Sanidade e os colexios profesionais comparten o obxectivo de que o sistema sanitario responda do mellor xeito posible ás necesidades dos pacientes e dos profesionais encargados de velar pola súa saúde.

A representante do departamento sanitario galego agradeceu a disposición ao entendemento amosada polos colexios oficiais de médicos e puxo en valor a dedicación e o compromiso dos médicos de Lugo, que demostrou ser esencial para fomentar a boa práctica profesional, o coñecemento científico e a investigación.

Sofía López rematou a súa intervención remarcando a necesidade de procurar acordos máis amplos, contando coas sociedades científicas, a universidade, as organizacións sindicais, as asociacións de pacientes e os colexios profesionais algo para o que, asegurou, a man da Xunta sempre vai estar tendida.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde