NOVO PREMIO Á MELLOR COMUNICACIÓN ORAL PARA UROLOXÍA DO CHUF NO ENCONTRO GALEGO DA ESPECIALIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2024
Profesionais do Servizo de Uroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foron premiados un ano máis no Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía. O XXIII Congreso, que se celebraba este mes en Santiago de Compostela, destacaba como mellor comunicación oral o traballo Pacientes con e sen persistencia bioquímica tras prostatectomía radical: Diferencias entre ámbolos dous subgrupos en canto a resultados oncolóxicos, de Laura Iglesias Fresco, uróloga no CHUF.

É un estudo retrospectivo cunha cohorte de más de 1.449 pacientes cunha idade media entre 45 e 77 anos, tratados de prostatectomía radical, extracción da próstata, por mor dun cancro, entre os anos 2000 e 2023, no Complexo Hospitalario Universitario ferrolá. Esta profesional avaliou o valor analítico da PSA (antíxeno específico que actúa como marcador no eido da próstata) tras se someter a esta cirurxía, dividindo os pacientes en dous grupos, os que teñen a PSA menor ou igual que 0,10 e os que non, e analizando pormenorizadamente as diferencias na evolución oncolóxica entre os pacientes con ou sen esa persistencia bioquímica trala cirurxía. 

Coñecer para poder atallar unha posible mala evolución

Valoraron diversos aspectos da supervivencia e a evolución da enfermidade co obxectivo de corroborar se había diferencia entre os que superaban ou non superaban ese límite no marcador, e se ese citado marcador podía valer como referencia. Concluíron que, ó superar ese límite no marcador, hai máis risco de evolución da enfermidade, e que ese factor, polo tanto, é un bo preditor, xa que, nos que teñen unha cifra menor, a evolución é mellor. 

“Contar con ese preditor implicará que eses pacientes que o superen se beneficien dun diagnóstico e tratamento precoz que poida evitar esa posible mala evolución posterior da enfermidade”, explica Laura Iglesias. “Trátase, agora que corroboramos que iso é así, de identificalos e tratar o máis rápido posible a eses pacientes que xa nos indica a PSA. Ver rápido a posible enfermidade”, subliña.

Este é o segundo premio, son dous consecutivos, desta profesional neste encontro da Uroloxía galega, e o cuarto consecutivo do Servizo, que xa acumula 18 premios nos marco deste encontro da Sociedade Galega de Uroloxía. Neste senso, Laura Iglesias afirma que “é un orgullo a forma do traballar do meu Servizo. Nel, incúlcannos moito a importancia da recollida de datos para coñecer ben á nosa poboación, e ser críticos e analíticos co noso traballo”. Na mesma liña engade que, no CHUF, hai recollida unha serie de datos moi grande, e que “coñecer os datos dos nosos pacientes fainos seguir progresando e aplicar os tratamentos máis axeitados”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde