A XUNTA ACONSELLA PRECAUCIÓN CO CONSUMO DE ALCOHOL, A CONDUCIÓN E O LUME DAS FOGUEIRAS NA NOITE DE SAN XOÁN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 06 2024

 

Un ano máis, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina as urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade, reforza o seu persoal na franxa horaria en que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. 

Así, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico ou as queimaduras  producidas no ámbito das cacharelas constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

Por iso, ante a celebración da tradicional festividade das fogueiras de Xan Xoán é importante seguir os seguintes consellos:

En primeiro lugar, as fogueiras supoñen un compoñente de perigo, tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. Por iso, é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes. 

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fose necesario. Unha vez prendido o lume, débese evitar que os nenos se acheguen ás fogueiras e extremar as precaucións.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aconsella situarse de costas á dirección do vento, especialmente se a persoa sofre dalgunha patoloxía respiratoria, para evitar que as chamas e o fume se dirixan cara a ela, e así evitar lesións por lume ou pola inhalación de fumes.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. No caso de que a roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que as apaguen. Tírese ao chan e móvase ou quede quedo mentres as apagan. 

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, é útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil no caso de consumir alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

San Xoán 2023

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na noite de San Xoán do ano pasado 76 intoxicacións etílicas ou por drogas, seis accidentes de tráfico, con sete persoas implicadas e nove persoas con queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado foi desde as 21,00 horas do venres 23 de xuño  ata as 09,00 horas do sábado 24 de xuño. 

Pontevedra, con 38 intoxicacións etílicas ou por drogas, foi a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguida da Coruña con 30, Lugo con seis e Ourense con dúas persoas atendidas. 53 persoas foron asistidas no punto e non requiriron traslado e 23 foron trasladadas a centros sanitarios.

As queimaduras atendidas polo 061 na noite de San Xoán foron nove. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu cinco persoas na Coruña e catro en Pontevedra. Todos os pacientes necesitaron ser trasladados a un centro hospitalario. 

No caso dos accidentes de tráfico foron asistidas sete persoas en seis accidentes de tráfico. A Coruña, Pontevedra e Ourense rexistraron dous accidentes de tráfico respectivamente. Do total de persoas atendidas, cinco foron trasladadas a centros sanitarios e dúas foron asistidas no punto sen necesitar traslado.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde