​AS PROBAS DA FASE DE OPOSICIÓN DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE PARA O ACCESO ÁS 271 PRAZAS DE MÉDICO DE FAMILIA ACADAN O 81,35% DE PARTICIPACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 06 2024
 


O Servizo Galego de Saúde desenvolve este domingo no Recinto Feiral de Silleda as probas selectivas para o acceso a 271 prazas de médico de familia de atención primaria. Dos 606 aspirantes admitidos presentáronse á realización das probas 493 opositores, o que representa un 81,35% de participación.

Máis polo miúdo, das 271 prazas que oferta a administración sanitaria galega nesta especialidade, 126 prazas corresponden á quenda de acceso libre, 132 á quenda de promoción interna e 13 á de discapacidade xeral.

Entre as particularidades das probas, destaca a solicitude do dereito da lactancia por parte de 8 aspirantes, para as que o Servizo Galego de Saúde habilitou unha sala, no caso de ser necesaria a súa utilización durante o transcurso do exame.

Durante o desenvolvemento da probas, a directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, María del Mar Pousa, destacou que esta convocatoria engádese ao conxunto de medidas que a Xunta está a adoptar no eido das súas competencias para paliar o déficit de médicos de familia, un problema xeneralizado no conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Entre outras, salientou a cobertura de 332 prazas de difícil cobertura, os 71 contratos de traballo estables para o persoal residente en último ano de formación, ou as 657 prazas MIR que Galicia inclúe na súa oferta de Formación Sanitaria Especializada 2024-25, a maior da súa historia.

Por último, lembrou o Plan de cobertura do verán posto en marcha polo Executivo autonómico para reforzar os centros de saúde no período estival, dotado cunha partida de 12,5 millóns de euros. Esta folla de ruta inclúe medidas ordinarias e extraordinarias co obxectivo de garantir a calidade asistencial durante o verán.

Procesos selectivos de estabilización

A categoría de médico de familia é a última en realizar os exercicios da fase de oposición de todas as convocadas no ano 2023 mediante o sistema de concurso-oposición e en execución da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Nesta categoría abriuse de novo o prazo de inscrición no mes de decembro de 2023 engadíndose a esta convocatoria as prazas ofertadas no decreto de oferta dese ano 2023.

No ano 2023 realizáronse os exercicios da fase de oposición das categorías de enfermeiro, técnico en coidados auxiliares de enfermería e persoal de servizos xerais con un total de 21.863 aspirantes presentados para 2.541 prazas. Nestes intres estase a realizar a fase de concurso destas categorías. 

Así mesmo, nos meses de febreiro e marzo de 2024, realizáronse os exercicios da fase de oposición dun total de 52 categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos -xa finalizaron a fase de oposición-. Nestes procesos selectivos participaron un total de 16.703 aspirantes para 1.076 prazas ofertadas.

Ao mesmo tempo estanse a resolver os procesos selectivos mediante concurso de méritos por execución da  Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público para un total de 97 categorías de persoal estatutario.

Para o persoal médico de familia, o proceso de concurso de méritos resolveuse, en xaneiro do presente ano, cun total de 42 profesionais que se incorporaron con carácter fixo ao Sistema Público de Saúde de Galicia. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde